Monstros (grandes e pequenos), en Sushi Books

No catálogo editorial do  selo cangués Sushi Books, aparecen estes días senllos títulos novos, concretamente na serie “álbum”, subscritos por un conxunto de autores e ilustradores islandeses como son Áslaug Jónsdóttir,Rakel Helmsdal e Kalle Güettler, responsables d´Os monstros grandes non choran e mais de  Monstro pequeno di non. Trátase, alén do interese que atesouran como entregas especialmente aptos para o lectorado que se achega ás súas primeiras experiencias diante dun libro que non contén unicamente ilustracións, dunhas propostas orixinalmente concibidas en islandés e que traslada á nosa lingua o denominado “Equipo Sushi”.

        Gustoume destas dúas entregas o aquel subversivo que as goberna e que se estrutura desde a escolla tan particular da figura dos propios protagonistas como son dous monstros personificados, que actúan con  comportamentos moi humanos no que atinxe á súa configuración e ás actitudes, decisións, medos, temores e  costumes que os singularizan. Non é menor o interese das reflexións no que se refire a quen exerce o poder e cal é a razón para facelo ou os valores que deben rodear a verdadeira amizade. De todo iso tírase tamén unha lectura suxestiva como é a da posibilidade, sempre presente, de poder modificar os roles, nun caso, e noutro algo por veces tan difícil como saber dicir que non. Moi recomendables.

1 Comment

Os comentarios están pechados.