O lume que alampea

Nas páxinas locais da edición ourensá de La Voz de Galicia, Xosé Manuel Rodríguez vén publicando, desde hai algúns días, unha serie de traballos nos que baixo o epígrafe de “Ourense nas Letras Galegas” realiza un percorrido polos escritores ourensáns que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas. Hoxe foi a quenda de Celso Emilio Ferreiro e solicitoume un breve artigo sobre o poeta de Celanova. Deixo aquí a ligazón da columna de Xosé M. Rodríguez e aquí a miña colaboración, que igualmente incorporo abaixo. Grazas!

Na proxección da figura e mais da obra de Celso Emilio Ferreiro, tras o seu falecemento, rastréxanse cando menos algúns acontecementos que, talvez, sexa acaído lembrar.

         O primeiro, alén da posta en marcha da Fundación que leva o seu nome e que vela pola difusión da obra do autor celanovés en diferentes dimensións, foi o acordo, xerado nun contexto pouco favorable, polo cal se lle dedicou o Día das Letras. Constituíu a primeira ocasión na que a decisión se adoptou cando o autor non cumprira aínda, exactamente, os dez anos transcorridos desde a súa morte. O ano de 1989, afírmoo con certo coñecemento de causa, supuxo un cambio de rumbo na recepción que esta festividade gozou na sociedade galega pola súa intensidade e mais pola súa transversalidade.

         A segunda data poderíase situar en 2004, isto é, cando se cumpriron os vinte e cinco anos desde o seu falecemento. Un tempo que se aproveitou para volver reclamar a vixencia do seu legado literario, nomeadamente a través da celebración dun Simposio, homenaxes e numerosas publicacións.

         O terceiro momento sería o que, ao longo de 2012 e con ocasión do centenario do seu nacemento, ao abeiro da declaración polo Parlamento de Galicia como “Ano CEF”, xerou unha actualización e precisa posta ao día do “universo CEF” a través de numerosas achegas de corte ensaístico, audiovisual e, sobre todo, mercé a enxurrada de actividades que se viviron en todos os ámbitos do ensino en Galicia, alén de proxectarse a súa obra internacionalmente. A súa voz, a súa obra, a súa memoria foi, é e segue a ser un patrimonio común e irrenunciable. O lume que alampea segue moi vivo.