"Breviario", en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 68 (maio-xuño 2014)

1. Unha das consecuencias máis salientables que se derivan da celebración do Día das Letras Galegas é a que ten que ver coa aparición de monografías, estudos, reedicións ou publicación de inéditos da autora ou autor homenaxeado. Tamén resultou así neste ano que se recoñece a traxectoria literaria de Xosé María Díaz Castro, como amosan as achegas de A. Requeixo ou Luís G. Tosar por citar dous casos. Con todo, confírmase unha tendencia de doada explicación que xa apuntaba o 2013, isto é, a redución realmente notable tanto da pluralidade de selos editoriais que se unían a estes proxectos como, por extensión, do número de monografías que ven a luz arredor do evento.

2. Semella que este ano 2014 será o que recoñeza, a través de numerosos galardóns xa outorgados, a obra de dúas escritoras publicadas no ano anterior como son Anxos Sumai –polo seu A lúa da colleita– e Berta Dávila por Raíz da fenda. Méritos de sobra teñen estas dúas pezas que concitaron o aplauso de crítica e lectorado.

3. Confeso certa debilidade polas biografías. Ao seren tan escasas entre nós case resulta de regra, para min, achegarme a elas. A última que puiden ler biografa con moito xeito a vida de Roberto Vidal Bolaño. Titúlase Fóra de Portas, e asínaa Roi Vidal en Positivas. Particularmente paréceme dos textos máis interesantes e orixinais no seu xénero que puiden ler nos últimos anos. Paco Macías, o editor, dicíame que, ademais, nela latexaba todo un guión cinematográfico e non lle falta razón.

4. Outra afección confesable é a de ler artigos de opinión e se estes son en galego pois moito mellor. Por esa razón paréceme un acerto a publicación de Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado, na Editorial Galaxia, que compila pequenos textos publicados na prensa polo escritor lucense durante algúns anos. Murado prodígase pouco entre nós e eu laméntoo moito pois a súa solvencia no xénero que for é unha realidade incontrastable. Neste caso evidencia os seus dotes para o artigo de opinión que fai lembrar os mellores exemplos desa tradición entre nós.

5. Visitounos hai poucas datas Bernardo Atxaga por mor da concesión do galardón de Escritor Galego Universal que anualmente outorga a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Particularmente alegreime moito desta decisión e son da opinión que as súas intervencións en senllos actos públicos aos que tiven a sorte de asistir testemuñaron, moi ás claras, que pagou moito a pena esta visita.

6. Sorprendeume, gratamente, a novela A voz do vento, de Pemón Bouzas que publica Edicións Xerais. Un traballo moi ambicioso, extraordinariamente documentado e que confirma a existencia dunha voz, para quen o descoñecía, moi a ter en conta entre nós.

Este texto, pertencente á sección “Breviario” publicouse nas páxinas da revista Biblos, nº 68 (maio-xuño 2014).