Díaz Castro: Poeta con maiúsculas

A POESÍA COMO SÍNTESE. TRES CALAS (DOCUMENTAIS) PARA ENTENDER OS VERSOS DE DÍAZ CASTRO

Confeso que a figura do poeta Díaz Castro sempre me resultou admirable. Se cadra influíu nesa percepción o feito da inexplicable querenza que un mantén por voces que, se cadra condicionadas polo tempo que viviron, talvez pola súa propia vontade, decidiron formar parte dese pequeno grupo selecto, marcado pola discreción, que se conforma por autores que pasan á nosa historiografía literaria como responsables de dar a coñecer un único libro en vida. Cito tan só dous compañeiros de viaxe nesa singradura como foron Manuel Antonio ou Manuel Luís Acuña aos que, con De catro a catro ou Fírgoas, lles abondou.

       Hoxe sabemos, mercé ao recoñecemento que se lle outorga ao poeta de Guitiriz neste Día das Letras, que hai moito máis en Díaz Castro, isto é, que hai máis obra inédita, en galego e castelán, que foi e irá vendo a luz. É lóxico pensar que estas achegas van axudar a reformular, matizar ou redimensionar o que a súa obra supuxo para a lírica galega do século XX. Isto chegará nun futuro próximo e reflectirase nos manuais da historia da literatura mais esa beleza que o ferira para sempre e que fai entender o fulgor que atesoura Nimbos, ese si, ha seguir brillando, intacto, para sempre.

     Escintilará porque, á marxe doutras consideracións, os versos que compoñen Nimbos atesouran unha visión que só pode chegar dun poeta con maiúsculas, isto é, de quen lle outorga un valor singular á palabra poética para afondar en cuestións que teñen que ver coa propia condición humana e coas súas circunstancias; de quen sabe dispor os esteos para construír un poemario breve coma se se tratase dunha obra polifónica onde posibilita, ao lerse co vagar preciso, desvelar un universo ricaz, plural e fondo, onde se peneiran ou rastrexan ecos filosóficos, históricos, identitarios e mesmo inequivocamente reivindicativos.

     Teño para min que os documentos conservados, as máis das ocasións, resultan precisos para comprender socalcos vitais concretos, tamén para asomarnos a actitudes e estéticas no caso das voces poéticas. Os que acompañan este artigo, ao meu ver, poden axudar a analizar tres “momentos” na biografía literaria de Díaz Castro como son a reincorporación ao discurso literario galego co seu emblemático “Penélope” e outros textos; unha carta persoal a Celso Emilio Ferreiro na que desvela claves da súa “poética” persoal entre outras cuestións e, finalmente, outro texto epistolar dirixido que dirixiu a Francisco Fernández del Riego sobre cuestións vinculadas co proceso de edición de Nimbos. Agradezo a cesión destes textos ao Arquivo Francisco Fernández del Riego, onde se atopan o primeiro e o terceiro e mais ao Arquivo da Fundación Celso Emilio Ferreiro polo segundo.

A reincorporación ao discurso poético galego na posguerra
Unha das portas polas que Díaz Castro pasou para ir dando a coñecer algunhas composicións que, anos despois, constituirían os alicerces de Nimbos, foi a revista Alba, subtitulada “Hojas de poesía-Follas de poesía” e que viu a luz entre A Coruña e Vigo dos anos 1948 a 1956. Alba, dirixida por Ramón González-Alegre, facilitoulle a posibilidade de ofrecer parte do traballo poético que fora xestando, en lingua galega, durante estes anos e o seu director soubo ver a relevancia da súa voz deixando constancia, nunha entrega publicada no ano 1952 (nº 12), da devoción que sentía polo obra do poeta: “Si distinguir lo auténtico de lo inauténtico se ha hecho difícil, en cambio no lo es descubrir a un poeta de verdad (…) poeta sin traiciones, poesía <con interioridad>”.

       Destas colaboracións iniciais que, desde Madrid, lle fai chegar a González-Alegre, consérvase o mecanoscrito de tres poemas que verían a luz nos números 3, 4 e 6 da mesma, entre 1949 e 1950, e que se corresponden aos poemas “Oracións pol-os tolos”, riscado no orixinal polo título “Noite”, o célebre “Penélope” e mais o poema “In memoriam a Paul Valery (a raíz de su muerte)”. A primeira destas páxinas presenta anotacións manuscritas, con probabilidade da man de González-Alegre, que talvez lle resultaron operativas a Francisco Fernández del Riego, pois a caligrafía dunha liña inicial parece a súa, como orientación para elaborar as notas biográficas que incorporaría este á Antoloxía de poesía galega. Do posmodernismo aos novos, publicación que revelaría algunhas mostras da poesía de Díaz Castro para os seus contemporáneos cando aínda non chegara Nimbos. As anotacións gozan dalgunhas inexactitudes biográficas –data e lugar de nacemento, por exemplo-, pero supuxeron unha base, sospeito, para comezar a difundir o feito de que Díaz Castro existía e que, sen dúbida, cumpría contar co seu concurso para ir construíndo a lírica galega de posguerra. As palabras que se recollen ao final do documento resultan significativas e proféticas ao respecto: “Su obra inédita en gallego de gran importancia”.

“A poesía é síntese”
Nos arquivos da Fundación Celso Emilio Ferreiro consérvase unha carta, ata hoxe inédita, que Díaz Castro fixo chegar ao autor de Longa noite de pedra, datada o oito de xuño de 1955. O texto resulta, en certa medida, importante pois confirma que o poeta lucense establecera xa lazos de trato mutuo con outras voces do panorama da poesía galega da década dos cincuenta e manifesta a súa proximidade á estética que presentaba O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro: “en el calificativo de “magnífico” –sinala- va ya implícita mi primera valoración de este libro”, e engade “¡Al fin! Entre tan vasto fárrago de poesía anodina y literariamente ilegible (…) al fin un libro de poesía verdadera”. Outro elemento clave da carta supón, ao meu ver, a incorporación dun xuízo valorativo do que a poesía significaba para el e ao que permaneceu fiel, doado é constatalo, ao longo da súa vida como creador: “Creo que toda poesía, para serlo, ha de tener cierta dosis de misterio, de bella inaccesibilidad, de secreto tentador e indescifrable porque la poesía es síntesis. No necesitamos “comprenderla” totalmente para admirarla. Pero instintivamente siento cierta prevención contra la poesía que no entiendo”.

A voltas coa primeira edición de Nimbos
O proceso, delongado e nalgunha medida complexo, da primeira edición de Nimbos, que vería a luz na editorial Galaxia, xa foi resolto e estudado a estas alturas por traballos como o que especialistas como Requeixo ou González Tosar difundiron en diversas publicacións. A carta rescatada, simplemente unha máis na intensa relación epistolar que o asunto da edición de Nimbos xerou entre Díaz Castro e Del Riego, dátase no tres de maio de 1961 e incorpora referencias tanto á devolución dunhas probas corrixidas do célebre “vocabulario” que acompaña ao libro, como ao que entende como “deficiencias” en recursos tipográficos da imprenta coa que Galaxia tiraba os seus libros talvez polo desexo de incorporar algunha iniciativa, ademais de realizar unha cita final á figura de “Ben-Cho-Sei” (Xosé Ramón Fernández Oxea), responsable de presentar á censura os libros de Galaxia en Madrid. Malia a súa brevidade, ao meu ver, é un bo testemuño desa preocupación que Díaz Castro depositou no proceso de edición técnica e na fixación textual do seu traballo, algo que coidou intensamente.

Este artigo publicouse baixo o título de “Poeta con maiúsculas”, nas páxinas do suplemento especial Letras galegas de La Voz de Galicia o 16 de maio de 2014 (pódense agrandar os documentos para facilitar a súa lectura premendo enriba deles).