Brinca vai! (ilustracións de David Pintor)
Kalandraka, Pontevedra, 2014, 23 € (libro + cd + DVD)
Levo por volta de catro ou cinco días, desde que un exemplar de Brinca vai! caeu na miña casa, nunha sorte de bucle continuo coa canción que abaixo se reproduce nun vídeo e que recomendo vivamente visionar e ir quedando co ritmo e coa letra, algo doado como se ben pode advertir sobre todo con ese retrouso de “En galego falo, en galego sinto, / en galego canto, sabes que non minto. / En galego todo o podo facer, / en galego estou no mundo… / Meu o mundo é!”.
A canción lémbrame que é de regra deixar unha rápida referencia a este proxecto que encabeza Paco Nogueiras quen, desde hai tempo, ía deixando mostras aquí e acolá, sobre todo na internet, do seu traballo como letrista e músico. E digo valiosas pois moitas delas eran empregadas case sen dar as grazas como un utilísimo recurso didáctico para primaria e mesmo algún curso inicial de secundaria.
Dá o salto agora Paco Nogueiras, e alégrome que así sexa, ao universo das publicacións musicais en forma de libro. Algo que posibilita Kalandraka Editora ao ofrecer, alén do libro coas letras das cancións, limiares de Juana Vázquez Silva e Manuel Cortés, un cd e un DVD -estes baixo a responsabilidade de José Miguel Sagüillo como director da parte audiovisual do proxecto e de Segundo Grandío no que se refire á realización-, contando por se fose pouco co concurso do gran David Pintor para as precisas e suxestivas ilustracións.
Velaquí, así pois, unha ducia de cancións que percorren igual número de asuntos que lle dan vida as cancións e que van desde o Samaín ao Magosto, da querenza polas árbores ao Apalpador, do Entroido ao que hai nun libro, da lingua galega ao noso patrimonio literario entre outros e que, ademais, amosan unha variedade de estilos musicais que van do tecno ao rap, do pop ao rock ou da música electrónica á tradicional…, mais sempre gobernadas por unha vontade optimista e intensa, cunha intención nada oculta de ofrecer divertimento e complicidade desde o primeiro acorde da primeira canción.
Teño para min que moito se vai falar deste Brinca vai! e dese chapeu azul que Nogueiras enfunda con tan bo facer. Moita sorte e os meus sinceros parabéns!