Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado

Miguel Anxo Murado
Escrito en cafeterías
Galaxia, Vigo, 200 páxinas, 16 €

 

“Escrito en cafeterías” constituíu o epígrafe que, durante case dez anos, Miguel Anxo Murado mantivo nestas páxinas e que agora se utiliza para agrupar unha compilación destas columnas de opinión. Nelas pártese dalgún acontecemento de actualidade para desembocar nun espazo aberto no que tanto pode agromar unha conclusión inesperada como demoledora, mesmo en ocasións un pouco melancólica ou escéptica.

        Son, pois, eses sucesos puntuais  os que se sitúan como pano de fondo e actúan como desculpa  para xerar a reflexión, en ocasións acompañados cun chisco de documentación que  por veces é historia e por veces literatura. Suturado todo con naturalidade, constrúense historias, con inequívoco saibo literario, que agariman asuntos que preocupan á condición humana como o devalar da propia vida, a morte, a forza da natureza, o tempo e o paso do tempo –este tratado con recorrencia e, paréceme, con  especial querenza-, o medo, a maldade e a bondade, a guerra e as guerras, o poder, a épica dos perdedores, as utopías ou a dor por só citar algúns.

       Ao interese das propostas contribúe a súa acaída arquitectura narrativa posta ao servizo da claridade e da procura dunha resolución orientada como suxestivo convite para exercer a reflexión. Talvez sexa así tanto porque os argumentos expostos pertencen a este ámbito e non ao do emitir xuízos, como porque ademais, cando a ocasión o require, non se dá as costas á ironía nin á retranca.

        Nunha columna afirma o autor que converte en palabras o que “percibe a forza de vivir”. Non teño dúbida de que así é pero, ademais, faino con brillantez colocando a palabra xusta no lugar preciso.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia o 16 de maio de 2014 baixo o título de “O que se percibe a forza de vivir”.