Cuestionario Proust: Xesús Rábade Paredes

Xesús Rábade Paredes

 1.– Principal trazo do seu  carácter?
– O inconformismo e a rebeldía. A lealdade a uns poucos amigos.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A fidelidade ao que se propugna e a intelixencia creativa.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Correspondencia ao que agardan de min.
4.– A súa principal eiva?
– A excesiva confianza na utopía e nos soños.
5.–  A súa ocupación favorita?
– A agricultura e a cultoescritura. Nunca a pose de escritor.
6.–  O seu ideal de felicidade?
– A harmonía ecolóxica, a fluidez coa xente e co contorno, cuestión difícil neste perpetuo exilio.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A falta dos que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cidadán libre nun país polo seu, que non é o caso.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste coas condicións que deixo expostas.
10.– A súa cor favorita?
– A dunha paisaxe con abidueiras e a da paz calma das Rías.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A rosa de cen follas.
12.– O paxaro que prefire?
O paporrubio e o merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro, Doris Lessig…
14.– E na poesía?
– T.S. Eliot, Rilke, Hölderlin, Leopardi, Rosalía…
15. – Un libro?
Follas Novas.
16.– Un heroe de ficción?
– Don Quixote.
17.– Unha heroína?
– Branca de Loboso, que é María Soliña.
18.– A súa música favorita?
– Clásica e jazz.
19.– Na pintura?
– Goya.
20.–  Un heroe ou heroína na vida real?
Os homes e mulleres que viven sen posibles. Todos os desherdados da fortuna.
21.– O seu nome favorito?
– Helena.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira. A actitude tramposa do trepa e do logreiro.
23.– O que máis odia?
A falsidade e a incoherencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler e todos os secuaces que foron e que son.
25.– Un feito militar que admire?
– Algún levantamento de Galicia (Irmandiños, Carral) contra os que nos aplastan.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Faltan tantos…
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Cabo dos meus, en pleno uso das miñas facultades.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O sosego, pero custa mantelo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A estupidez por inconsciencia ou ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– A solidariedade cos que sofren.

1 Comment

Os comentarios están pechados.