Propostas con premio: «O que precede a caída é branco», de Oriana Méndez

Hai uns días fallouse o premio XVII Certame de Poesía Concello de Carral que recaeu no libro O que precede a caída é branco, de Oriana Méndez cun xurado composto por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e mais Eli Ríos. O libro publicarase Espiral Maior e velaquí algunhas impresións da autora sobre o mesmo.

– Tras Derradeiras conversas co capitán Kraft e Cero, agora chegará este  O que precede a caída é branco. Que recrea basicamente este novo libro?
– Hai un intento de cristalizar o instante previo a que algo se precipite, ese intre que algunha vez vimos pasar axiña, a que se precipite unha folga xeral, o momento anterior a ser concibida pola comunidade e é entón cando non existe posibilidade de retorno.

– Alberga talvez unha modulación distinta das anteriores entregas?
– Non hai unha narrativa, como quizais en Kraft, nin tampouco unha procura, como podería ser en Cero; hai este producirse o capitalismo que nos atravesa e atravesa a miña cidade, Vigo, e provoca poemas como provoca as Marchas da Dignidade.

A memoria e o poder constitúen, talvez, elementos recorrentes na súa poesía. Tamén neste libro?
– Tranquilízame algo ser quen de transmitir o que me interesa no mundo. O poder e como se fragmenta e como se reparte.

– O xurado gabou moitos elementos do libro, entre eles ‘o singular peche dos poemas’. Algo que chamou a atención a outras persoas como Gonzalo Hermo. Advírteo como algo distintivo?
– Agradézollelo. Eu máis ben prefiro os poemas nos que o último verso podería ser calquera dos demais e nada se pecha e queda unha interrogada.

– Ao tempo subliñouse a presenza de xogos metaliterarios. Outra constante na súa estética?
– Non creo que sexa constante, aínda que quizais si estea presente n’O que precede a caída… preguntarse que debe facer o poema.

Que supón, para o seu traballo creativo, a súa pertenza ás Redes Escarlata?
– Foi unha aprendizaxe constante.