Con "A Segunda Lingua", de Yolanda Castaño, en Vigo

Foi un pracer onte acompañar a Yolanda Castaño, e a un estimable número de persoas que arrouparon á poeta, na presentación en Vigo do seu A Segunda Lingua, nun acto desenvolto na sede social da Fundación Novacaixagalicia.

    A autora do Libro da egoísta recitou un bo número de composicións deste libro pousando a ollada en moitas cousas pequenas para deixar que estas “revelen os seus propios significados”. Alén diso salientou algúns aspectos vinculados coa xénese do libro e, entre eles, reivindicou -algo relevante por vir de alguén que dedica á poesía “o tempo central” do seu tempo- unha maior atención no que se refire ao proceso de produción do libro apostando, ou suxerindo, un cambio de paradigma no que se valore e promova o esforzo de creación (foto de Jesús de Arcos).