Na presentación d´A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz

Logo de presentar A viaxe de Gagarin hai poucas datas en Pontevedra foi onte, na primeira xornada da Feira do Libro de Vigo, e tras ocupar o espazo da célebre carpa Carlos Negro co seu Últimas tendencias, cando fixo o propio Agustín Fernández Paz,  xunto con Manuel Bragado.  Ao meu xuízo, a de onte foi unha presentación brillante pois convénceme moito que se adopte a fórmula do diálogo que outorga case sempre a precisa vivacidade e distensión que han marcar estes encontros entre autores ou autoras e público asistente.

     Comezou  Manuel Bragado encadrando a novela ao fío da celebración dos corenta anos de posta en marcha da Feira do Libro en Vigo e do pulo que un libreiro como Antón Patiño lle imprimiu para propiciar levar o libro as espazos públicos e recuperar así as liberdades. Algo ben acaído á novela de Fernández Paz pois tamén circula polas súas páxinas unha homenaxe tanto aos resistentes antifranquistas como ás propias librarías.

       Seguiu Bragado actualizando a traxectoria de Fernández Paz no que chamou, en expresión afortunada, <<os catálogos do autor>>, revisando e categorizando as abondosas achegas literarias e creativas en diversos bloques, atendendo a motivos e orientacións  presentes até dar con esta novela que se detén na cidade da Coruña e nos anos sesenta do pasado século.

       A instancias de Bragado abriuse o diálogo onde o primeiro asunto que asomou foi o relativo á documentación que o autor empregou para a elaboración da novela e que, como é sabido, está espellándose nun blog que recomendo vivamente. Referiuse xustamente á entrada arredor do <<Tribunal de Orden Público>> que acababa de elaborar pois ese é, xustamente, o contexto no que sitúa a novela.

    O autor de Vilalba, alén de tocar diversos temas presentes -quen era o personaxe chamado Gagarin, o proceso de descuberta daquilo que se agacha na súa propia familia, o seu espertar sexual, o seu primeiro amor…- e regalarnos coa referencia aos libros e películas de onde bebeu información que, como se dixo, se recollen ou recollerán no blog -que era a <<Brigada Político Social>>, como foi o asesinato de Ruano, cal a relevancia de Grimau ou como discorría a vida cotiá  naquel tempo-, definiu a súa proposta como “novela de formación e xeración”, desvelando a última intencionalidade da proposta como é a  de “contar os anos sesenta”, deixando no ar algunhas sentenzas que ben axudan a entender a concepción da novela, das que só recollo dúas: “todas as historias se tecen cos fíos da vida, o que a un lle pasa, o que ve, o que le, o que lle contan” ou a que apunta a que lle gusta a escrita transparente “coma a auga dun regato”, algo que nace, sen dúbida, da paciencia e mais do traballo. Non hai dúbida, pero eu engadiría que tamén do talento.