Remontar o río (ilustracións Luz Darriba)
Tirar do Fío Edicións, 50 páxinas, 30 €
Di Cirlot, no seu Dicionario de símbolos, que o río representa unha referencia ambivalente: debedor da natureza por un lado, tamén implica o devalar do tempo que transcorre. Algo disto hai en Remontar o río: unha proposta poética inusual, concibida como un verdadeiro obxecto artístico, onde non cobra escasa relevancia o concurso da deseñadora Aymara Ghiglione ao idear un libro despregable, exento do lombo tradicional e cuxas páxinas van esvarando unhas coas outras coma se eses doce metros longos de papel, alimentados pola palabra e pola imaxe, espellasen a lonxitude dun río que ben pode ser o da vida e o do tempo. A voz poética de Helena Villar Janeiro adopta aquí un ton vitalista, malia o evidente exercicio de evocación que o domea, apoiado coa enriquecedora intervención da artista Luz Darriba.
Ideado e, en parte, escrito ao longo dunhas singraduras nas que se remontaba o Danubio desde a cidade de Budapest ata Linz, a experiencia operou como faísca para darlle corpo a unha sorte de revisión ou acordanza dun período almacenado na memoria como é o da adolescencia.
É nese proceso desvelado onde se advirte a necesidade de afondar nos “mapas da memoria” procurando “metáforas da vida”, se cadra preguntas que, nun momento dado, case resulta unha necesidade chegar a formularse. As respostas que se atopan serven para desandar ou desfacer o camiño sen pouso melancólico ningún, sen devezos idílicos nin tampouco abatemento, atentas tan só a ese aceno que é tornar a ollada e ver como agroman gozos e medos; talvez para soñar e viaxar, como nalgún verso ben se apunta, nun río que sempre se renova.
Esta recensión, baixo o título de “Poesía como soño e viaxe” publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 23 de maio de 2014.
Moitas grazas, Ramón. É unha sorte atoparte como lector e máis se deixas estas notas de camiño. Sigamos polo río mentres poidamos navegar. Unha aperta.
Un pracer. Falar deste libro supuxo para min unha regalía. Os meus parabéns unha vez máis.