"Decálogo para unha poesía que se cadra non existe", de Carlos Negro

Atopei a semana pasada na cidade de Vigo a Carlos Negro. Termaba dunha rechamante e miseriosa maletiña que algo tiña que ver, seica,  co seu Penúltimas tendencias, mais cuxos contidos non puiden ver polas présas. Dun ou doutro xeito velaquí este decálogo, relacionado con ese poemario e coa traxectoria do autor e que gustosamente difundo no blog pois resulta ben interesante desde diversos puntos de vista, entre os que saliento o didáctico e, abofé, o puramente literario.

•A poesía orientada a un público xuvenil carece de pasado, polo que só existe en futuro. Permite a aventura, porque as súas fronteiras aínda non están delimitadas por ningún sacerdote da tribo.

•Aínda que minoritario, existe un público para a poesía; aínda que invisible, existe un público para a poesía xuvenil; aínda que ameazado, existe un público para a poesía xuvenil en galego. Non son frases baleiras, senón certezas empíricas.

•Todo poema destinado a un público xuvenil, polo feito de selo, está condenado a loitar a morte contra esa conxunción concesiva que condiciona, a priori, as valoracións lectoras da mocidade: “Este libro, a pesar de ser de poesía, resultou…”

•A revolución da poesía xuvenil consiste en fender estereotipos, mais non desde unha trincheira ideolóxica, senón desde a dinamita das emocións.

•Un poema xuvenil ten o mesmo dereito a citar a Justin Bieber que un poema para adultos a Charlie Parker. E Celso Emilio Ferreiro pode cantar un verso a carón de Beyoncé. Porque a poesía é libre, ou non é nada.

•Tres principios básicos para escribir un poema xuvenil: rigor lingüístico, ambición estética e debate ético. En definitiva, ansia de facer versos que non resulten estatuas de sal na vitrina dun museo arqueolóxico.

•Practicar a poesía xuvenil é un deporte de alto risco: fala para lectoras e lectores mutantes, en proceso de cambio, distint@s e distantes.

•A poesía para adolescentes debe ser xulgada do mesmo xeito ca de adultos: como boa ou mala literatura, é dicir, como algo que enche ou como algo que sobra.

•A poesía xuvenil é aquela que permite ler tamén toda aquela que xa non é xuvenil.

•Se a poesía xuvenil aínda non existe… que ou quen nos impide inventala?

Carlos Negro, maio de 2014