Un neno na emigración / Un niño en la emigración / An immigrant child (ilustracións de Marta Iglesias Rodríguez)
Edicións do Cumio, Vigo, 2014.
O escritor guardés Francisco Álvarez – Koki, radicado en Nova York desde hai anos, talvez máis coñecido entre nós pola súa obra Ratas en Manhattan (Sotelo Blanco Edicións, 2007), tamén é autor dunha ampla obra poética en castelán e en galego con títulos como Lexanías (1980), Maruxía (1989) ou Máis aló de Fisterre (1991 e 2000).
Chega arestora a súa primeira incursión no ámbito da literatura infantil cun orixinal título, en versión trilingüe galego-castelán-inglés, baixo o título de Un neno na emigración. Publicada por Edicións do Cumio, recrea con sinxeleza e efectividade, en boa parte a través das reviravoltas protagonizadas por un neno chamado Breogán, realidades que calquera persoa que viviu o esgazamento que supón a emigración puido experimentar. Breogán, no seu caso particular, chega ao barrio neoiorquino de Astoria con tres anos, saltarica e brinca por el, por espazos da terra de acollida como son as rúas e os parques próximos á súa casa, como o zoo de Nova York, ao que contrapón ou suma máis ben as impresións e todo aquilo que aprende nunha viaxe na que percorre Galicia, lugar sempre presente na súa educación e formación.
Alén destas vivencias Breogán resulta operativo para pensar e repensar asuntos como a propia emigración, os valores que representan o fomento e o respecto á multiculturalidade ou o poder que a lingua propia posúe como depositaria da identidade, do que supón para sermos e estarmos, con autenticidade, no mundo.