Poesía galega en "Luces y sombras. Revista de artes y letras"

Jesús Jiménez Reinaldo e Iosu Kabarbaein (dirección)

Luces y sombras, nº 29, decembro 2013

Fundación María del Villar Berruezo, Tafalla, 2013.

 

Hai xa ben de tempo un amigo agasalloume cun exemplar desta revista, para min descoñecida e  que constitúe unha desas escasas illas culturais que resisten,  tendo en conta ademais o seu exclusivo carácter literario que combina, con  periodicidade anual, a incorporación dunha suxestiva obra gráfica -neste caso das mans de Carmen Liberal, Cristina Ruiz, Celia Guillén e Baldo Ramos-, constituíndo unha iniciativa ben singular.

     Ocúpome de dar conta da aparición desta publicación pois non debería pasar desapercibida a cesión dun  xeneroso espazo nas súas páxinas dedicado á poesía galega. Sección estruturada por Baldo Ramos quen, nun breve limiar, revela o obxectivo básico da antoloxía que é  o de difundir e axudar a coñecer a poesía galega de arestora a través dalgunhas voces concretas, ofrecendo así pois: “una pequeña muestra de voces amigas, de poetas que me han acompañado en diferentes caminos de esta singladura que es, para todos los que ocupamos esta nave, la aventura de la creación poética”.

    Velaquí un monllo de propostas concibidas orixinalmente en lingua galega e traducidas ao castelán para o devandito fin, agás os poemas de Rosa Enríquez, Carlos Arias, Raúl Gómez Pato e o propio Ramos que xa se concibiron por distintas razón en castelán. Complétase, así pois, esta escolma con composicións que chegan das mans dun grupo de poetas que son Antonio Piñeiro, Mariña Pérez Rei, Xosé Carlos Domínguez Alberte, Eduardo Estévez, Carlos Negro e Diana Varela Puñal. Unha polifonía de voces, en fin, operativas para tender pontes, para difundir un patrimonio literario rico e diverso (premendo aquí pódese consultar o índice e mais un texto introdutorio da revista).