Xosé María Díaz Castro para alumear o mundo, de Luís G. Tosar

Luís G. Tosar

Xosé María Díaz Castro para alumear o mundo

Biblioteca Gallega, Ed. La Voz de Galicia, 104 páxinas, 1 €

DIFUNDIR CON RIGOR A PERSONALIDADE VITAL E LITERARIA DO HOMENAXEADO ESTE ANO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS CONSTITÚE UN DOS OBXECTIVOS FUNDAMENTAIS DESTA PUBLICACIÓN ACOLLIDA NA HISTÓRICA “BIBLIOTECA GALLEGA” DE LA VOZ DE GALICIA

Non era difícil conxecturar que, cando se decidise que os tempos de Díaz Castro chegaran, Luís González Tosar ía abrazar unha sorte de cruzada laica co obxectivo depositado na promoción tanto da personalidade coma da obra do poeta de Guitiriz. Este libro, así pois, sitúase no ronsel conformado pola edición definitiva de Nimbos (Galaxia, 2014), a coedición de Sombras radiantes y otros poemas, de Díaz Castro (Eneida, 2014) ou recente Xosé María Díaz Castro. A lus do mundo é a que arde nunha bágoa (Teófilo Edicións, 2014), alén de numerosas colaboracións ensaísticas e xornalísticas.

          Mais que cal é a relevancia deste Xosé María Díaz Castro para alumear o mundo? Ao meu ver ben salientable pois, entre outras razóns de entidade non menor, escasas son as ocasións nas que un proxecto bibliográfico ten a fortuna de se distribuír cun xornal e, así, posibilitar que a súa difusión poida chegar, como esta edición conmemorativa do Día das Letras chega, a numerosos fogares e moi desemellantes espazos.  De pouco valería a iniciativa, con todo, se o proxecto bibliográfico non garantise efectividade e, para iso, González Tosar articula, ademais de incorporar un abondoso corpus documental fotográfico e documental, un percorrido biográfico e literario do autor de Nimbos que deixa ao descuberto numerosas claves que axudan a resituar, con rigor analítico, unha obra e mais un autor no seu xusto e preciso lugar. Por se fose pouco engádese unha asisada e representativa antoloxía literaria –poemas, traducións e prosas- desde a que refulxe, quen o dubida, e con moita forza esa “lus” de Díaz Castro.

Esta recensión publicouse, baixo o título de “A <lus> de Díaz Castro” no suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 30 de maio de 2014.