Literatura infantil: propostas de María Canosa e Manel Cráneo

 

Chéganme dúas propostas, no ámbito da literatura infantil, que estes días a editorial Everest comeza a distribuír. A primeira delas vén da man de María Canosa, que este mesmo mes acaba de ser nomeada como escrita do mes desde a AELG. A súa proposta, titulada Ana xa chegou!, vén acompañada de ilustracións de Dani Padrón e articula un percorrido orixinal a través do cal focaliza boa parte do que representa a chegada nun novo membro a un fogar a través da perspectiva que ofrece un  boneco que acompañará, sempre, a Ana. Un libro de celebracións, mais tamén de sentimentos, descubertas e aprendizaxe.

    Ao mesmo tempo, no seo dunha serie denominada “Planeta Mincha”, Manel Cráneo ofrece DiaRio de PiChüK. O longo longöbio de Longölia. Particularmente descoñecía anteriores entregas protagonizadas por eses dous personaxes chamados Pichük e Riböt, mais o certo é que suxiren achegarse a elas pois a estética transitada, próxima á banda deseñada, a esencia do relato  -unha viaxe que é unha procura teimuda para solventar un enigma- e unha conclusión que  revela que case sempre é máis relevante a viaxe en si e non o que se procura, fan deste libro un convite igualmente recomendable para ir introducindo a quen a ela se achegue no mundo da fantasía e da ficción científica, sen esquecer a sinxeleza e o atractivo visual.