Poemas de Suso Díaz en "3 x 3 colección de poesía"

Suso Díaz,  Víctor Peña Dacosta e Irene Albert Cebriá

3 x 3 Colección de poesía, nº 6

Editora Regional de Extremadura, Consejería de Educación y Cultura, Dirección General de Promoción Cultural, Mérida, 8 €, 2014.

 

De non ser pola man dun amigo un non daría, non o dubido, cunha alfaia poética como a presente. A iniciativa responde a unha serie ideada polo poeta visual Antonio Gómez -recomendo unha visita á súa web polos espléndidos, e nalgún caso fascinantes, contidos artísticos que alberga- que atopou acobillo na Editora Regional de Extremadura, co obxectivo de presentar, nun total de nove volumes, unha mostra da obra poética de autores e autoras que, por razóns de nacemento ou de residencia, se consideren autores estremeños.

      O sexto volume desta serie, denominada “3 X 3 Colección de poesía” é a que chega aquí pois nela se inclúen varios textos que veñen da man dun escritor galego que comparte espazo -poético e triangular- con Víctor Peña e Irene Albert (dous poetas novos casteláns con obra ben suxestiva) como é Suso Díaz,  ourensán de Ludeiros e radicado agora en Mérida por cuestións profesionais, que dá ao prelo nove poemas curtos -cinco haikus, tres tankas e mais un poema- sendo tres deles en lingua galega. Díaz, que sempre foi poeta malia a anécdota de non subscribir, aínda, ningún  libro independente, sempre se significou por levar a cabo un intenso e admirable labor a prol da difusión da poesía, e da poesía galega en particular, percorrendo numerosas singraduras, sen axuda de ningún tipo e moitas delas a carón de Mari Paz Paz, como ben testemuñan as emisións radiais de La Voz en Espiral, agora desaparecidas, ou ese proxecto tan vivo e suxestivo como é As escollas selectivas: unha plataforma de difusión da poesía galega de carácter pioneiro entre nós na súa aplicación e que, hoxe por hoxe, resulta de consulta obrigada tanto polos corpus poéticos aí integrados como pola exactitude e fiabilidade dos datos biográficos e literarios das voces que o constitúen.

      Particularmente, alén dalgúns poemas soltos en diversas publicacións, sabía do traballo poético de Suso Díaz que ía -e vai- deixando no seu blog persoal, onde se poden ver diversas mostras do seu traballo, mais até agora non se difundira un feixe representativo da súa producción como o que aquí se dá a coñecer a través dun formato particular, onde os poemas adquiren un aquel aínda máis artístico de folla, neste caso triángulo, voandeira .

       Os poemas de Suso Díaz abéiranse, con sensibilidade, á estética do haiku ou dos denominados tankas como xa se dixo, alén de incorporar unha composición máis longa. Os textos poéticos en galego afondan, tan breve e esencialmente como o xénero esixe, en dimensións como son as do idioma propio, a creación ou a escrita e  mais o amor, elementos que se complementan con esoutros poemas que viaxan ao pozo da memoria e ao tempo co obxectivo de apreixar o instante, ata bater con conceptos, e espilos de golpe, como o máis privativo ou aquilo que se alenta, habita ou ve.

     Parabéns, pois, por esta obra tan gorentosa, presentada nun formato tan inesperado. Dá xenio saber que, aínda, se fan cousas así. Eu agradezo que puidera coñecela.