"Os libros da merenda" de Urco Editora

Amplía as súas propostas e, asemade, o público receptor das mesmas o selo compostelán Urco Editora e faino con catro entregas que se veñen engadir a dous títulos, como son O sol do pasado de Jorge Emilio Bóveda e mais Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola que á súa vez se achegan a esa franxa constituída polo lectorado adolescente.

      A serie á que neste apuntamento me quero referir é a que se ideou baixo o epígrafe de “Os libros da merenda”  e que supón un paso adiante e suxestivo para procurar a fidelización á lectura en lingua galega de lectoras e lectores que comezan a dar os seus primeiros pasos neste ámbito. Ademais de conceptuárense como libros de carácter popular en canto ao seu prezo, apenas 2,5 euros a unidade, o seu pequeno formato convérteos nunha sorte de mini-libros nos que a calidade e o coidado dos textos, a cargo de Martinho Terrafría, e o tratamento acaído das ilustracións, responsabilidade de Vladimir Zatonski, resulta ben palpable. Os universos que se recrean e as historias que se relatan nestas catro entregas –Señor Fiz, o repolo feliz, Don Bento, o porco fedorento, Fariñeiro, o burro larpeiro e mais Xoana, a ra lacazana– mergúllanse en referentes constituídos por elementos propios da  flora e dos animais domésticos humanizados, recurso a priori atractivo para protagonizar sinxelas voltas e reviravoltas argumentais, que procuran conscientemente manter o ritmo narrativo e certa musicalidade baixo a vontade, a meu entender, de desacralizar a idea da lectura, de procurar o divertimento e de non dar nunca as costas ao humorismo. Á concepción inicial destes libros engádese a posibilidade de interactuar co mesmo incorporando deseños que posibilitan ser completados e coloreados polo lectorado.

Deséxolle sorte a este  proxecto. O proceso de castelanización nas nenas e nenos das cidades galegas é  unha realidade tan evidente e galopante que cómpre poñer solucións imaxinativas. Velaquí unha asisada proposta para este fin.