Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira

Ramón Vilar Landeira

Os televisores estrábicos

Xerais, Vigo, 144 páxinas, 16,65 €

 

Non oculto o meu especial interese no que atinxe ás novas voces que, de cando en vez,  van petando na porta, polo xeral con discreción mais tamén reclamando, como é natural, un espazo propio, algo perfectamente compatible, claro é,  co seguimento, en tantas ocasións apaixonado, doutras achegas literarias que xa franquearon ese cordal que pode supor publicar o primeiro libro.

      Este é o caso de Ramón Vilar Landeira que ofrece, n´Os televisores estrábicos, a súa primeira mostra narrativa de entidade. E o certo é que se trata, ao meu xuízo,  dunha grata sorpresa en diversas dimensións, sobre todo polo acaído tratamento unificador que proxecta nun conxunto de relatos e que cobra cabal sentido nas páxinas finais do libro, algo que non é doado nun xénero no que non é doado innovar.  

    Cunha inequívoca vocación realista, Vilar deita una ollada, chea de forza, ao tempo contemporáneo para dar conta das dificultades que para tantos e tantas supón sobrevivir na sociedade actual, mais non só naquilo que se vincula coas vicisitudes e derrotas que se sofren no ámbito do mundo laboral senón  tamén daquelas que se sitúan na esfera do máis privativo e íntimo, isto é, cando tampouco hai outra opción que escribir un libro de relatos para loitar contra a soidade e vivir. 

    Para ese obxectivo sérvese da reconstrución -se cadra perspectivizada como fonte de historias ou como espello- dun lugar citado profusamente como é Grandil: un espazo rural, relativamente próximo á Coruña, que olla  cara á devandita cidade con teimosía. Velaí como o autor  reflicte con efectividade, por exemplo, as vivencias dun barrio obreiro e “problemático” da Coruña, ou lembra acontecementos do ano trinta e seis acudindo á forza e operatividade da memoria. Velaí como disecciona as reviravoltas de personaxes que resisten as máis das veces no  gume da navalla… E con todo isto deseña un friso no que agroman, no fondo, cales son e como evolucionan as relacións humanas; desvela o que é a hipocrisía nalgunhas ocasións e focaliza as miserias que por veces se advirten no comportamento das persoas. Non esquece asemade trasladar en palabras o sentido da soidade, as dimensións que posúe a práctica do xornalismo ou mesmo ese eco que resoa e que vai deixando o paso do tempo, como tampouco ignora o tránsito que se produce -tantas veces traumático, como a propia vivencia da emigración aquí igualmente recreada- do mundo rural ao urbano, ese tránsito que pode modificar, de vez, as relacións entre as persoas.

     Dous elementos máis foron moi do meu gusto neste libro: por unha banda a indefinición suxestiva á que en tantas ocasións se abandona ao lector ou lectora para que se actúe, complete, interprete ou imaxine as resolucións conclusivas de cada relato; pola outra certa desinhibición e solvente soltura narrativa que aplica sobre asuntos cotiáns onde non se agocha certo espírito crítico, mais tamén esperanzado, respecto da sociedade actual e dos seus problemas. Por todo isto, e talvez por máis razóns que aquí se escapan,  deséxolle a mellor das sortes a este libro.