Propostas con premio: «Funambulistas», de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa curta

Pasou Mercedes Leobalde por este Caderno, hai pouco tempo, por mor da publicación do libro de poemas Chamádeme Eva que resultou galardoado na sétima convocatoria do premio de poesía erótica Illas Sisargas. Volve deixarse ver hoxe por aquí, e sospeito que non será a derradeira ocasión, por mor dunha breve conversa que xira arredor do seu vindeiro libro -que publicará Edicións Xerais- titulado Funambulistas, premiado no Ánxel Fole de narrativa curta  no que execeron como xurado Manuel Bragado, Olga Novo e Marica Campo.

Tras Chamádeme Eva  chega  agora esta  proposta narrativa…, o cultivo da literatura para vostede é recente ou vén de atrás?
-Eu escribía, gustábame escribir, pero non era “cultivar a literatura” nin moitísimo menos, só unha necesidade de verbalizar o pensamento, algo que me axudaba a reflexionar, a ordenarme. Outras veces podía tratarse simplemente de plasmar unha lembranza repentina, un soño desacougante ou unha sensación agradable, por preservalos. Pero en todo caso era algo íntimo, non sentía a necesidade de darlle eses textos a ler a ninguén e moito menos de publicalos, non foran concibidos para iso. Por tanto, tampouco precisaba revisalos cunha vontade literaria, os pobres estaban condenados a non pasar da fase de borrador. Un día apunteime a un obradoiro literario impartido por Antía Otero que resultou para min máis importante do que podería prever. Á segunda clase había que levar un texto no que se recrease un escenario e eu describín unha chuvia de estrelas contemplada desde o xardín da casa. Non sen pudor, lin o meu pequeno relato e, cando rematei, unha compañeira do curso que agora é amiga comentou: “estabamos todos contigo nese xardín”. E nese momento cambiou algo. Empecei a intuír que podía ser gratificante compartir o que escribía.

-Os títulos adoitan orientar ao lectorado. Por que Funambulistas?
-O funambulista camiña, avanza pola corda frouxa, esforzándose por manter un equilibrio que ao cabo é sempre inestable, pois cada novo paso abre unha incógnita. O perigo existe sempre, no aire que te envolve, o aire é o baleiro. Non hai chan, non hai paredes, só o medo a fallar e precipitarte desde as alturas. Pero existe tamén a vontade férrea de chegar á outra punta, e esa é a única certeza, o que fai que ignoremos o medo ou o releguemos a un segundo plano. É coma na vida, non? Os personaxes de Funambulistas adoitan ser así, manteñen o equilibrio como ben poden cando a corda máis abanea pero sen cederen na súa determinación.

-Manuel Bragado saudou este libro con entusiasmo e salientou a prosa “esencial”, “cálida e divertida”. Asume como propios eses riscos?
-Cálida diría que si; divertida, por momentos tamén. O de “esencial” escápame, pero encantaríame que así fose. En todo caso, parécenme tres adxectivos estupendos e agradézoos moitísimo. Oxalá teña razón Bragado, xa os lectores e lectoras opinarán. Eu non sabería definir os trazos característicos do que escribo. Aspiro a que o texto sexa fluído, limpo e ameno, e se ademais leva a algún tipo de reflexión, moito mellor.

-Que fío común, se o hai, une os relatos deste libro?
-Quizais o denominador común se atope no que expliquei arriba sobre o título da obra, pero cada un dos vinte e cinco relatos ten unha lectura completamente independente do resto. Con todo, si hai relatos emparentados, que constitúen unha pequena serie porque desenvolven unha historia en conxunto. Outros están conectados por fíos de arañeira, simples detalles que facilmente poden pasar desapercibidos, chiscadelas ao lector atento sen maior relevancia nas tramas.

-Advirte algún vaso comunicante entre o poemario e este texto galardoado?
-Saíron da mesma cabeza, así que por forza han de ter puntos en común. Quizais o protagonismo feminimo, absoluto en Chamádeme Eva e moi importante tamén en Funambulistas. E a presenza de certos temas: o amor, o desamor, a soidade, a complexidade das relacións humanas, a violencia, a necesidade de ser forte ante a adversidade, as distintas maneiras de afrontar o sufrimento, a procura da felicidade…

-Leremos máis cousas de Mercedes Leobalde no futuro?
-Eu seguirei escribindo, agora xa é un vicio. Despois, o da publicación non se sabe fixo… Pero si, esperemos que si, teño varias cousas en mente. Gustaríame.