A lentura e a regalía dos Xerais

Teño a miña preferencia, como lle ocorre a moitas persoas, polo significado dalgunhas palabras, que ás veces non resulta a acepción máis empregada. Unha delas é lentura, ese termo que se refire ao que contén ou conserva un certo grao de humidade.  A precisa lentura, á fin e ao cabo,  é o que se precisa para que un bo cultivo medre, xustamente o que  Edicións Xerais fai coa organización deste premio, van aló máis de trinta anos, para que agromen estes galardóns que axudan a construír  unha parte esencial do que constitúe a nosa narrativa contemporánea. Que esa lentura siga por moitos anos!

      O outro termo que moito me gusta é o de regalía, nesa acepción figurada que fala dunha cousa moi boa pola que se sente satisfacción. Onte,  estar na illa de San Simón, non o dubido, foi unha regalía ao prendérense luces que iluminarán os camiños de tres novas obras literarias. Ás tres obras galardoadas, xunto coas finalistas, recoñéceselles o talento que atesouran, avaladas por un xurado constituído por lectoras e lectores e iso é tamén unha regalía. Para min foino especialmente porque desde hai tempo distingo e admiro o  traballo literario que leva a cabo  María Reimóndez, que sempre escribe desde as instancias de entender a literatura como medio de transformación social, asumindo perspectivas e temáticas infrecuentes e escribindo, sexa no xénero que for, co corazón na man. Outrosí afirmo dos casos de Ledicia Costas e Eduardo Santiago, de quen me honro tamén en ser fiel seguidor do que até o de agora foron as súas obras literarias.

       Conclúo salientando só tres elementos máis do serán literario como foron o valente e interesantísimo discurso de Xavier Senín, que ditou unha lección, infrecuente e marabillosa, sobre a maxia que é a lectura e o universo dos libros, sen esquecer o papel da crítica literaria, algo que moito lle agradecín. Non quero ignorar esa fermosa voz de Xiana Lastra e a música do grupo que a acompaña e, por último, coma sempre, subliñar a fabulosa organización e o agarimo de quen dan vida aos premios e a Xerais. Particularmente engado que no serán de onte  foron moitos os afectos que pairaban por San Simón, non se pode pedir máis.