Nunha presa de terra
Laiovento, Compostela, 184 páxinas, 16 €
VELAQUÍ UN LIBRO QUE INVALIDA CRITERIOS XERACIONAIS: UNHA OPERA PRIMA SUXESTIVA QUE RECREA O POUSO QUE DEIXA A CULTURA LABREGA DO PERSONAXE PROTAGONISTA DESVELANDO OS ULIDOS DA MEMORIA
Paco Castro Alvaredo (O Incio, 1953) asómase por vez primeira á narrativa galega con esta novela constituíndo, para min, todo un achado pois testemuña, entre outros valores, como é posible artellar unha proposta narrativa actual na forma con motivos memorialísticos e identitarios. Nela recrea capítulos vivenciais de diversa orde, rescatados da memoria de Cándido, o protagonista, quen accidentalmente fica recluído nun pequeno cuarto durante uns días, circunstancia que lle permite construír unha alegoría tanto dunha xeración como do seu propio país.
Ao recurso á experiencia claustrofóbica e angustiante que supón a devandita reclusión correspóndelle un correlato no que Cándido rememora, tamén fragmentariamente porque así é a memoria e porque outra cousa non é posible facer para ir deixando correr as horas, as súas orixes labregas mercé aos ecos das persoas que parecen querer visitalo. Velaquí, así pois, unha viaxe ao pasado, construída con inequívoca vontade literaria e mesmo excelencia expresiva, talvez pola plasticidade contida de moitos capítulos que non caen en excesos nin tampouco en compaixóns.
Esta orientación resulta operativa para deseñar con absoluta fidelidade un universo case esvaído, que non cae nunca na exhibición etnográfica, baixo a vontade de procurar recoñecerse a si mesmo na distancia e no tempo transcorrido, mesmo tamén para afondar en cuestións como son as dimensións da propia identidade ou o éxodo do rural ao urbano, explorando ao mesmo tempo as razóns que conduciron a aquela ruptura, case definitiva, con modos e relacións seculares, con paisaxes humanas xa esfareladas.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 6 de xuño de 2014, baixo o título de “Recoñecerse no tempo e na distancia”.