Propostas con premio: "Dende o conflito", de María Reimóndez, premio Xerais de novela 2014

Continúa a serie “Propostas con premio”, pola que xa pasaron voces como Mercedes Leobalde, Oriana Méndez, Marcos Abalde, María Carmen Caramés ou Federico Delicado  até o de agora.  A quenda correspóndelle a María Reimóndez, gañadora do premio Xerais de Novela que se ditaminaba este pasado sábado na illa de San Simón tras o acordo ao chegou un xurado constituído por Avelina Rodríguez Gil (profesora), Susana Pedreira Buján (xornalista), Montserrat Dopico (xornalista), Marta Fernández Alberte (profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado).  Con María Reimóndez mantivemos esta conversa.

– Por que unha xornalista nesta novela?, por que en territorios en conflito bélico?
– Porque me interesan moito as fronteiras e sobre todo as personaxes mediadoras, neste caso entre un nós acomodado e as outras que se enfrontan á inhumanidade cada día. As xornalistas de guerra teñen a posibilidade de establecer a liña de puntos que une esas dúas realidades como causa e efecto. 
-Os conflitos reflectidos adquiren dimensións do particular ou do persoal?
-Os conflitos dos que fala a novela son sobre todo do persoal, os outros pode velos cada unha día a día nas noticias. O que me interesaba era precisamente o que significa para as persoas como tales ter que enfrontarse á mediación e as circunstancias de vida que se desenvolven no íntimo, de que pasta están feitas tantas invisibles. 
-Manifestou que esta novela forma parte dun proxecto de textos literarios relacionados entre si. Con que finalidade?
-Coa finalidade de desafiarme e polo tanto de divertirme, e con algo de sorte compartir ese desafío e diversión con outras persoas. Quería facer un pequeno universo de textos onde as lectoras tivesen a posibilidade de coñecer as persoas dende diferentes ópticas. Personaxes secundarias ou mesmo moi tanxencias nunha novela cobran vida noutra. Quen lea todo o conxunto comprenderá as motivacións, os feitos e as circunstancias de cada unha cunha tremenda complexidade. 
Dende o conflito percorre, ao que parece, outros camiños diferentes aos que xa tripou na súa obra narrativa, poética ou ensaística anterior…

-Eu creo que percorre camiños xa coñecidos pero dende unha historia diferente. Gústame que cada novela sexa un mundo distinto, dende a forma de narrar ata as características das propias tramas. Dende o conflito, por exemplo, é unha novela moito máis lineal ca En vías de extinción e aínda que si ten un carácter algo fragmentario e mestura diferentes tipos de textos, a trama vaise movendo no tempo dunha forma máis ou menos cronolóxica. En vías… é o antagónico a isto. 

-O xurado subliñou a arquitectura da novela e a deslocalización do argumento. Que función cumpren estes dous elementos nela?
-Para min, como comentaba, a diversidade de formas de narrar é fundamental e niso destaca sobre todo a arquitectura das obras. Gústame construír cada unha dun xeito diferente, que xa comentei un pouco na resposta anterior. A deslocalización do argumento se cadra vén dado pola maneira en que esta personaxe vai evolucionando nas súas contradicións e chegando ás súas propias conclusións. Pode que se cadra axude a esta sensación o feito de que a novela pasa por moitos lugares con rapidez, precisamente como fai a vida da protagonista, nun afán de fugacidade que tentei plasmar dalgunha maneira. 
Nesta novela é tamén central esa idea de dar voz a quen non a ten ou non pode tela?
-É unha idea central no sentido crítico, no sentido da responsabilidade de ter que representar as circunstancias de vida doutras persoas. A novela parte precisamente disto que eu considero unha falacia, “dar voz ás outras” como un acto de xenerosidade do suxeito hexemónico occidental para entender que só abrindo espazos para que a outra, múltiple e diversa fale por si mesma, cumpriremos un papel verdadeiramente significativo na transformación das desigualdades, da violencia e da guerra. 
-Que supón recibir este galardón na súa traxectoria como escritora?
-Unha tremenda honra, xa non só por ser Xerais a miña casa literaria senón porque o premio Xerais leva acompañándome case toda a vida, forma parte do noso ADN colectivo. Nesta altura, ademais, creo que o maior premio foi sentir a ledicia compartida con moitas lectoras e lectores, compañeiras de escrita e entidades coas que man a man construímos cada día a comunidade dos afectos da lectura.