Cúmprense xustamente hoxe 105 anos do nacemento do poeta de Abadín, Aquilino Iglesia Alvariño. Velaquí unha lembranza del a través da exhumación dun manuscrito poético depositado na Fundación Penzol, a quen agradezo a cesión para este obxectivo divulgativo. Trátase da composición poética titulada “Noite” que apareceu na edición da Poesía galega completa do autor, nunha edición a cargo de Xesús Alonso Montero e publicada por Xerais no ano 1986 con ocasión da celebración do Día das Letras dedicado á súa figura. Velaquí o manuscrito e, abaixo, a súa transcrición, que posúe algunhas diferenzas co publicado en forma de libro.
Noite
Mar de sombras con oncas horizontáes de vénto,
floridas de remoíños i-arrecifes de nubes.
Afogaron nos rompentes do Siléncio
dos aturuxos que andaban nas cóstas do Solpôr.
Enguerellados nas oucas do vénto
cuspíu o mar fora o run-run do muíño da mao,
i-o cadabre do cantar da muiñeira namorada.
As fogueiras veleiras da Nosa Señora da Pastoriza
sairon â pesca de trébas,
e naufragaron no cabo da Unha.
-Vagalumes de congostras,
non desatraquedes vósos esquifes verdes:
anúncian-se pra hoxe marexadas de sombra.
A primeira hora saíu o destroyer do Luceiro
en busca da dórniña do Luar
que se perdéu nos arrecifes do Oéste.
-Mozos de Montecelo,
ancrade o vóso aturuxo nas Fías,
que hai anunciadas galérnas de Siléncio.
1-2-933, Mondoñedo
Aquilino Iglesia Alvariño
1 Comment
Os comentarios están pechados.