Propostas con premio: "Escarlatina. A cociñeira defunta" de Ledicia Costas, premio Merlín de Literatura Infantil 2014

Visita de novo este blog Ledicia Costas, e por un motivo ben gratificante como foi a consecución, este pasado sábado,  do  Premio Merlín de Literatura Infantil coa súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. O xurado que a galardoou estivo constituído por Eulalia Agrelo, Romina Bal Botana, Nuria Díaz Berride, Miguel Vázquez Freire, Mª Isabel Vázquez Rosales e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado). Con ela mantivemos esta breve conversa arredor do seu novo libro.

 – Supuxo algún cambio de perspectiva, como narradora, abordar a redacción desta novela?

– Máis que un cambio de perspectiva coido que supuxo unha escrita máis fiel co meu propio imaxinario. Sempre fun unha namorada do mundo macabro e había xa tempo que tiña ganas abordar esta temática.

Como xurdiu a idea dese xuntoiro entre un receitario e un texto narrativo?

– Pareceume atractivo escribir unha obra que ofrecese dúas lecturas diferentes, pero ao mesmo tempo integradas unha na outra. É un libro co que os nenos e nenas van poder interactuar. Ademais da aventura que se relata, poderán empregalo como receitario e elaborar os seus propios pratos. Cando ideei o libro pensei que ese tipo de deseño era un valor engadido para a obra.

Ao tempo, seica o emprego do macabro responde a un proceso desmitificador da morte?

– Absolutamente. Desde as primeiras páxinas, nas que Escarlatina chega á casa do personaxe principal separada por pezas e metida nun cadaleito, ata o final, onde remata unha ruta gastronómica polo Inframundo, chea de defuntos e personaxes tétricos e disparatados, o libro responde a esa idea: a desmitificación da morte.

O xurado salientou esa enxurrada de doses fantásticas que poboa o libro. Algo preciso para o libro?, para a vida?

– Ambas as dúas cousas. A fantasía é das poucas cousas que non nos poden arrebatar.

 – Boa coñecedora da realidade e das perspectivas de futuro da LIX galega e, como parte activa dela, cal é a súa valoración do momento que arestora atravesa?

– Coido que en Galicia estase escribindo LIX de moita calidade. Ademais, temos a fortuna de contar con mediadoras e mediadores moi implicados. A LIX é un xénero fundamental, porque no seu público temos a oportunidade de gañar lectores e lectoras para o futuro.

– Que supón, finalmente, recibir este galardón para a súa particular traxectoria como narradora?

– Supón a máis grande recompensa. Sempre o considerei o premio de literatura infantil galega por excelencia. Pero tamén implica unha grande responsabilidade, xa que é un galardón cunha nómina de gañadoras e gañadores aos que respecto e admiro.