Cuestionario Proust: Fernando M. Cimadevila

Fernando M. Cimadevila

1.– Principal trazo do seu carácter?
-O humor (advertidos quedades lectores de cuestionarios).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A boa calidade, por desgraza as persoas non veñen con selos de garantía.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Non moito, que lles vou pedir… xa bastante fan con aturarme.
4.– A súa principal eiva?
-A falta de eivas, ou o ignorar as mesmas.
5.– A súa ocupación favorita?
-Durmir! Talvez soñar!
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ese punto onde estás a piques de acadala pero sempre vai un paso por diante túa.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Prefiro non pensar a resposta, non vaia atraela.
8.– Que lle gustaría ser?
-Algo máis novo, algo máis alto, algo máis guapo… o normal.
9.– En que país desexaría vivir?
-Na Comarca (Terra Media), comendo, bebendo e traballando coas mans.
10.– A súa cor favorita?
-Varía segundo o cartucho que se esgota antes da impresora. Pero o ciano me relaxa.
11. – A flor que máis lle gusta?
-A que medra libre no campo.
12.– O paxaro que prefire?
-Os “cento voando”, son moi de quimeras.
13.– A súa devoción na prosa?
-Eu non devociono, prefiro que me cegue o resplandor a vivir baixo a sombra de outros. Pero admirar admiro a moitos, a todos aqueles que escriben con sinceridade, con aprecio ás historias e aos personaxes, os que viven e aman os seus libros e se afastan da pretensiosidade e dos ditados da industria.
14.– E na poesía?
-Non son lector de poesía. Como músico (vocalista) a miña poesía é a música, e a forza das palabras reside na harmonía de ambas as dúas disciplinas.
15.- Un libro?
-O Hobbit, un conto para adultos que nos devolve o fogar perdido.
16.– Un heroe de ficción?
-Gandalf: poderoso, sabio, vai e ven cando lle peta, e fai e desfai ao seu antollo.
17.– Unha heroína?
-Eu non son de drogas, algo de café no almorzo, máis nada.
18.– A súa música favorita?
-Rock e metal, nas súas múltiples fusións. Guitarras grosas e contundentes.
19.– Na pintura?
-No apartado pictórico son moi de banda deseñada, tamén nas súas múltiples variantes, nos últimos anos moi de álbum europeo e novela gráfica.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As nais en xeral, en especial a miña… santa paciencia!!!
21.– O seu nome favorito?
-Non teño moito onde escoller, os meus pais só me puxeron dous: Fernando e Manuel, polos meus avós, así que me quedo con ambos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Os que non predican co exemplo.
23.– O que máis odia?
-Madrugar, indubidablemente.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Prefiro reservar o meu desprezo para aqueles que aínda a están a escribir. E nestes tempos que corren rífanse os candidatos.
25.– Un feito militar que admire?
-Os tratados de paz e en segundo lugar os armisticios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Voar, a ver quen di o contrario.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-Acadando a inmortalidade.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Ese que cando nos preguntan “que tal?”, respondemos “imos tirando”.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que non entrañan malicia.
30.– Un lema na súa vida?
-Ama, soña, escribe.

1 Comment

Os comentarios están pechados.