Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Propostas con premio: "O Gran Reino", de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014

Conclúe hoxe a serie conformada por tres entregas consecutivas da sección “Propostas con premio” que tiveron como protagonistas as voces das persoas galardoadas o pasado sábado cos premios literarios organizados por Edicións Xerais. Chega aquí Eduardo Santiago en virtude de acadar o “Jules Venres de literatura xuvenil” coa novela O Gran Reino,  obtido  tras a deliberación dun xurado constituído por  Cristina Novoa Fernández, Dolores Sans Boga, Mariña Castro Fontao, Minia Monteagudo Vilavedra, Sabela Salgueiro Couto e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado). Velaquí a conversa co autor.

-A súa incorporación á narrativa é relativamente recente. Que foi o que o decidiu a dar o primeiro paso e procurar a publicación?
– Despois de moitos anos escribindo aos poucos, chegou un momento no que me decatei de que realmente o que escribía pagaba a pena de ser publicado. Francisco Castro foi o primeiro en confiar en min, polo que lle estou profundamente agradecido.

Celso Emilio acababa o seu poema “O reino”, onde recrea un pasado máis ou menos idílico opoñéndoo a un presente oprobioso, con estes versos “Cando se perdeu / iste gran Reino”? Planea no seu libro algunha pregunta semellante?
-É curioso que me fagas esta pregunta porque foi precisamente ese verso de Celso Emilio o que lle deu o título á miña novela. De feito esa é a primeira referencia que aparece no libro.

-Sinalou que a novela se xera nunha reacción ao boom das novelas xuvenís de mundos paralelos, por que?
-A primeira versión escribina hai sete anos. Daquela as miñas fillas eran dúas adolescentes de doce e quince anos e eu lía todos os libros que lían elas, porque gustabamos de intercambiar opinións. De súpeto decatámonos de que estabamos a ler sempre a mesma historia con distintos personaxes.

-E a vinculación co ocorrido coas novelas de cabalerías de finais do XVI?
-Ocorréuseme que podería haber un paralelismo co Quixote e as novelas de cabalerías de finais do século XVI. Unha nena intelixente e problemática que se puxera a ler compulsivamente este tipo de literatura podería desenvolver un certo afastamento da realidade como lle sucedera ao cabaleiro castelán.

Ao que parece, penso que en O Gran Reino hai elementos que se vinculan coa súa anterior obra publicada…
-A protagonista segue a ser unha moza que, neste caso, chega a crear todo un mundo imaxinario ao seu xeito, como unha metáfora do principio creador feminino. As rapazas que formaron parte do xurado comentáronme que elas estaban convencidas de que esta novela escribíraa unha muller. Non daban creto cando descubriron que o escritor era un home. É a maior gabanza que me fixeron na miña vida.

-Tamén se subliñou que nela hai unha defensa dos valores que encerra a lectura…
-Si, a lectura é un poderoso instrumento do cambio político e social. Por iso a primeira medida que adoitan tomar todos os sistemas totalitarios é a prohibición de ler e a queima de libros.

-Finalmente, que supón recibir este galardón para a súa traxectoria literaria?
-Para a miña traxectoria literaria supón facerme visíbel como escritor dentro do panorama literario galego. Até o de agora era un escritor invisíbel, aínda que estaba aí, como as mulleres ao longo da historia da humanidade.

Advertisements

Un comentario en “Propostas con premio: "O Gran Reino", de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014

  1. Pingback: Propostas con premio: O Gran Reino, de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014 | ::Axenda cultural AELG::

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: