Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa

Carlos G. Reigosa

Kid Salvaxe

Edicións Xerais, Vigo, 104 páxinas, 12,50 €

CARLOS G. REIGOSA ESTRÉASE CON ESTE LIBRO COMO POETA. NEL DEITA UNHA OLLADA INQUISITIVA E AGUILLOANTE AO COMBATE QUE É A VIDA, PERCORRE AUSENCIAS E PRESENZAS, ÍSPESE AO SITUAR NUNHA BALANZA PARTICULAR SENTIMENTOS E VIVENCIAS

A primeira pregunta que pode formularse calquera persoa que se achegue a unha proposta coma esta, por certo ateigada de cuestionamentos, é a de procurar as razóns que poden impulsar a un narrador de longo alento e extenso currículo a publicar o seu primeiro libro de poesía. Miguel Anxo Fernán-Vello, nun limiar de lectura obrigada por documentado, preciso e suxestivo, apunta que a poesía é “poderoso motor inicial, lingüístico e expresivo, do literario”. Non lle falta razón.

       Teño para min que a resposta talvez esvare pola necesidade de adoptar un xénero diferente para comunicar(se), á fin e ao cabo un instrumento máis confesional, máis directo e íntimo, pero tan só porque a ocasión así o require. O prologuista advirte que Kid Salvaxe nace nun momento “de intensidade vivencial e existencial” derivado da morte do pai de Reigosa. Este dato e mais dous versos que se sitúan no frontispicio do libro –“A vida non é un lugar para estar morto” e mais “Nunca deixarei de ser o que non son”- alén de abrazar unha ollada retrospectiva, tamén crítica e descrida nalgún sentido, se cadra nos sitúa no camiño que estes poemas percorren.

    A cicatriz profunda, dolorosa e abrasiva, en tantas ocasións conmovedora, que se abre pola ausencia entretécese con presenzas evocadas e rescatadas dese remol que é a memoria; todo aquilo que deixou o vivido e experimentado, aquilo que alicerza a sabedoría, a dúbida continua entre “o que somos e o que cremos ser”. Velaí a posibilidade certa que articula un diálogo con quen abre estas páxinas: algo que permite fotografar o tempo, fotografar a vida: ese “instante de instantes instantáneos”.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 13 de xuño de 2014, baixo o título de “Fotografar a vida, fotografar o tempo”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.