Na presentación da "Entrada ao xardín do saber", de Henrique Dacosta

Participei, este pasado venres, na presentación de Entrada ao xardín do saber (Redelibros) de Henrique Dacosta, nese magnífico espazo que dispón a Libraría Cartabón de Vigo. Resultou para min unha experiencia moi grata, nalgunha medida emocionante, volver presentar un libro do escritor ferrolán cando, eu xa o esquecera, fixera o mesmo con Mar para o todo sempre, na Galería Sargadelos de Vigo, por volta de 1992.

    Mais de vinte anos distan entre aquela primeira novela e o presente libro do que falarei  polo miúdo en próximas datas. Con todo, si podo adiantar aquí, pois xa o fixen na presentación, que é esta unha proposta que dialoga con anteriores obras súas  como  se advirte na  inclinación a empregar motivos históricos para proxectalos no presente e mais o emprego dun coidado rexistro expresivo abeirado,  sintacticamente, ao  período longo.

    A novela achégase -ficcionalmente claro é- a certos capítulos da nosa historia recente nucleados a través da figura de Hildegart Rodríguezpolítica activísima nos comezos da Segunda República e responsable duns traballos ensaísticos e de opinión que facían dela un valor de inequívoca proxección internacional. A súa temperá morte, ao que parece a mans da súa nai –Aurora Rodríguez Carballeira, quen tamén ocupa un espazo significativo no desenvolvemento argumental- convértese nun dos fíos da novela que se enguedella tanto coa figura dun Vicente Risco nos anos finais da súa vida, obsesionado con esta historia, como coa de Henrique de Sas, un xornalista á procura un bo tema para elaborar unha reportaxe solvente para  revista na que traballa.

    Como sinalei arriba retornarei por aquí a esta Entrada ao xardín do saber. Hoxe só quero dar conta da súa presentación e agradecer a ocasión que se me brindou para manter un faladoiro co autor que resultou, cando menos para min,  tan interesante como a lectura da propia novela. Fóra diso, a volta tras tantos anos, a “O xerriño” do Calvario vigués supuxo outro engadido difícil de esquecer. Grazas.