A voz do vento, de Pemón Bouzas

Pemón Bouzas

A voz do vento

Xerais, Vigo, 400 páxinas, 20 €

 

PEMÓN BOUZAS OFRECE UNHA SUXESTIVA NOVELA QUE, DESDE UN CONTEXTO HISTÓRICO DESEÑADO CON SOLVENCIA, RETRATA O PROCESO LEVADO A CABO CONTRA MARÍA SOLIÑO NUNHA PROPOSTA DE INEQUÍVOCA FORZA NARRATIVA

Pemón Bouzas (Palmeira, 1957), encadra esta novela de longo alento baixo uns versos de Walt Whitman e o célebre “María Soliña” de Celso Emilio Ferreiro, poema que sen dúbida contribuíu a universalizar o mito desde as páxinas de Longa noite de pedra. É así, talvez, como suxire as pegadas de memoria, ficción literaria e historia que cristalizan nun mesmo camiño.

    A voz do vento –galardoada na súa versión castelá no Premio Ateneo Ciudad de Valladolid- sorprende, en primeira instancia, pola inequívoca forza narrativa que atrapa desde o seu comezo cando, no albor do século XVII, un frade chamado Vicente Refoxos, recluído no mosteiro de San Pedro de Rochas, dá en evocar as experiencias vividas en Cangas do Morrazo sendo novo. É, pois, a memoria a que vehiculiza a narración, axudándose dun escenario convincente e verosímil -documentado e deseñado con acerto-, que nos sitúa nos eidos da novela histórica, sen deixar de aproveitar a ocasión para deitar unha ollada que perfila a relevancia das crenzas populares naquel tempo e que vivían parellas cun férreo dogmatismo relixioso, sen esquecer transmitir o horror derivado dos fundamentalismos nin desvelar os grupos de presión que exercían o seu poder, talvez dun xeito non moi desemellante ao de hoxe.

      Con A voz do vento nas mans non é difícil deixarse levar por unha viaxe fascinante que sitúa con transparencia e sen dificultades a quen a le nun espazo retratado con fidelidade e interese. Unha estrutura acaída, a carón do emprego dun coidado rexistro lingüístico e dos ecos dunha práctica narrativa apegada ao xornalismo, fan desta novela unha lectura ben recomendable.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 20 de xuño de 2014 baixo o título de “Memoria, realidade, ficción”.