Cuestionario Proust: Xan Arias

Xan Arias

1.– Principal trazo do seu carácter?
– A timidez.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A esencia cervantina da loucura e do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que compartan a idea de que a solución do enigma é que non hai enigma, e que non esquezan nunca o neno ou nena que foron e son.
4.– A súa principal eiva?
– A miña incapacidade total e absoluta ante toda causa que esixa unha disciplina estrita.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e ser testemuña ausente daquilo que non me interesa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conservar un estado de lentitude interior.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Coincidir no Transiberiano con José María Aznar e con Felipe González.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ás veces, cego, xordo e mudo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha mestura entre Galicia e Las Alpujarras granadinas.
10.– A súa cor favorita?
– O azul e todas as súas variantes.
11. – A flor que máis lle gusta?
– O aroma do xasmín.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco.
13.– A súa devoción na prosa?
– A Xeración Beat, a literatura rusa.
14.– E na poesía?
– Kavafis, Celso Emilio Ferreiro.
15.- Un libro?
Una historia de la lectura, de Alberto Manguel.
16.– Un heroe de ficción?
– Tintín, en tempos…
17.– Unha heroína?

18.– A súa música favorita?
– Bob Dylan, Lou Read, a música arábigo-andalusí.
19.– Na pintura?
– Egon Schiele, Hundertwasser, Cezánne.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Buenaventura Durruti e todos aqueles que se esforzan por ser mellores e solidarios, aínda que no camiño se deixen escamas de miseria.
21.– O seu nome favorito?
– Ánxela, María e Daniela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A facilidade con que algúns se arrogan completamente gratis unha superioridade moral para fiscalizar e xulgar os demais.
23.– O que máis odia?
– A ignorancia como postura activa, as mentes pechadas, unidimensionais e monotemáticas e os lugares comúns das voces agoreiras que proxectan a súa catástrofe persoal sobre o mundo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Un que se facía chamar Generalísimo.
25.– Un feito militar que admire?
– Quizais non propiamente militar, pero a rebelión luciferina.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Confórmome cos poucos que teño.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Tendo a certeza de que mereceu a pena vivir.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sosego.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que provocan construíir castelos no aire, gañar batallas perdidas e perder batallas gañadas.
30.– Un lema na súa vida?
– Quen quere facer algo, atopa un medio. Quen non quere facer nada, atopa unha excusa (proverbio árabe).