Resultou unha experiencia gratísima para min participar onte nun encontro festivo convocados, nese espazo garimoso que é a Libraría Cartabón, pola presentación do libro Non temos medo, de Rodri Suárez e mais pola visualización do vídeo-clip “Deitado frente ao mar” producido e interpretado por Os diplomáticos de Monte Alto, motivo que serviu tamén para conmemorar os vinte anos de música -e literatura- bravú entre nós.
Tras as intervencións de Gonzalo Pérez, da libraría Cartabón, Rodri Suárez, Xurxo Souto e Fran Alonso, e antes de oír a Luís Ferreiro, que falou en nome da Fundación Celso Emilio Ferreiro, quixen compartir tres aspectos que naquel momento considerei precisos. O primeiro centrouse nunha análise de urxencia -xa virán outras máis demoradas- arredor de Non temos medo, libro de inequívoca inspiración xornalística que adopta ese modelo que é a biografía oral -coas voces de Rivas e Manu Chao, de Mercedes Peón, de Fran Alonso e propio Souto entre moitas outras- e que, dou fe por propia experiencia en traballos semellantes, supón un intensísimo traballo que en aparencia non se advirte pero que é indispensable para facilitar a lectura e converter o proxecto nun libro de estimable utilidade, cheo de información e, ao tempo, composto desde as instancias da emoción e a paixón: ineludible para saber algo máis con rigor sobre a historia do grupo musical coruñés, pero tamén sobre a historia do último rock galego, sobre todo dese rock que “honra a cultura popular e a súa xente”.
En segundo lugar quixen reivindicar o espazo da denominada “literatura bravú”, ignorada e ninguneada con teimosía cando, ao meu ver, posúe un estimable percorrido e presenza, a través de diversos autores, desde os seus comezos con A tralla e a arroutada até hoxe mesmo. Finalicei cunha breve referencia ao poema ferreiriano que se interpreta no vídeo-clip: un himno rebelde, unha bandeira con música de seu que irmanda cidades -Vigo e A Coruña tamén- na fe e na música do idioma común.
“O Xerriño” do Calvario vigués acolleunos con ledicia e houbo tempo para felicitar aniversarios a Fran Alonso e Raquel Pérez con candeas surrealistas a faceren equilibrios nun sorprendente, e moi bravú, prato de fabada. Tal cal (fotos xentileza da Libraría Cartabón e José Goris).
1 Comment
Os comentarios están pechados.