A Segunda Lingua, de Yolanda Castaño

Yolanda Castaño

A Segunda Lingua

Fundación Novacaixagalicia-Pen Club, Compostela, 76 páxinas, 14,70 €

 

TRAS SETE ANOS SEN PUBLICAR UN LIBRO DE POESÍA YOLANDA CASTAÑO DÁ A COÑECER O LIBRO QUE RESULTOU GALARDOADO NO PREMIO DE POESÍA NOVACAIXAGALICIA ORGANIZADO POLO PEN CLUB: UN LIBRO DE POESÍA DIFERENTE NA SÚA TRAXECTORIA POÉTICA

Non dubido en adxectivar como singular e revelador este libro de Yolanda Castaño. Éo porque talvez se atope aquí un menor grao de  autorreferencialidade que pairaba en anteriores libros; éo pola vontade de reflexión colectiva e non exclusivamente individual que o domina; éo porque abre a súa estética á incorporación doutros vizosos elementos, tanto expresivos como temáticos, que permiten franquear “a porta do cuarto de baño da poesía” para desvelar as claves sobre a creación, para revelar a dinámica do proceso de escrita ou, mesmo, daquilo que significa crear sobre o xa creado.  

        Castaño escorrega con fortuna polas abas dun outeiro á procura de palabras,  aínda que estas non se entendan porque sempre, sexan ditas na lingua e na maneira que for, algo son quen de transmitir. Son, pois, as palabras, o humus da lingua, o eixe central e xerminal do libro, mais cunha nova perspectiva pois aquelas non ollan tanto á súa dimensión semántica como as connotacións que  atesouran e sobre as que suxire camiños de intepretación.

         Sen dar as costas á poesía de corte erótico é este, talvez, o libro de poesía máis “filolóxico” da autora: filoloxía entendida como algo vivo e actuante, nesa clave de amor e interese polas palabras, por aquelas que constitúen unha lingua, na que tamén está a propia que tantas veces se secundariza no seu espazo natural. Aínda así, é esta a que posibilita “que o lume lamba as follas / lamba a cortiza, lamba a raíz / e lamba un pouco de todo, sen a penas entreabrir os labios”.

       Convido a participar nesta experiencia que supón viaxar por estes poemas: a chegada a porto sempre será gratificante.

Esta recensión crítica publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “As palabras: o humus da lingua”, o 27 de xuño de 2014.

 

1 Comment

Os comentarios están pechados.