Hai case dous anos facía referencia neste blogue á exposición do manuscrito, neste caso mecanoscrito de On the road, que se realizaba nun museo parisino. Hoxe volve Kerouac -premendo na fotografía da dereita vense unhas imaxes del en movemento- cun expresivo autógrafo dedicado a Allen Ginsgerb e mais unha carta conservada na que o propio autor tentaba convencer a Marlon Brando para que se fixese cos dereitos da súa obra, imaxinando unha película filmada “coa cámara no asento dianteiro do auto amosando a estrada (día e noite)”, reservando o papel de Dean Moriarty para o actor e o de Sal para el mesmo. Brando nunca respondeu. Como é sabido Francis Ford Coppola adquiriu os dereitos da versión cinematográfica en 1980 e On the Road estreouse en maio 2012, dirixida por Walter Salles.