Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

A viaxe de Gagarin

Xerais, Vigo, 200 páxinas, 16 €

 

REAFÍRMASE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ COMO NARRADOR DE ALTAS MIRAS CUNHA SUXESTIVA NOVELA QUE ESCULCA EN VIVENCIAS E CONTEXTOS DOS ANOS SESENTA DO PASADO SÉCULO CON EFECTIVIDADE E EXTRAORDINARIA TRANSPARENCIA

Aparecida no mercado hai pouco máis de un mes esta novela acadou axiña o favor do público lector como testemuña que xa esgotase a súa primeira edición. Non é de estrañar pois nela volven confluír elementos felizmente recorrentes na obra de Fernández Paz como a esculca nos pozos da memoria, acoirazada desde unha amplísima documentación filtrada con habilidade e, ademais, espellada nun rexistro narrativo puído, áxil e transparente. Ademais non se ocultan trazos autoriais como a relevancia que cobran os libros, a música ou o cine no desenvolvemento argumental, sublimando ao fondo o amor e os afectos como o único que é quen de resistir “a corrosión do tempo”.

         Mais non é esta unha reescritura doutras pezas do autor. Moi ao contrario: o célebre voo do cosmonauta Gagarin á órbita da Terra é o motivo que serve para conquistar, día a día, esoutro territorio que é o de Miguel, alcumado “Gagarin”, que vai albiscando outros horizontes máis amplos en tantas ocasións a través dos libros. Velaquí, así pois, unha engaiolante novela de formación onde non falta a descuberta dos segredos da familia e que posibilita apalpar o contexto social e político no que alenta: un tempo marcado pola ominipresenza do aparato represivo como amosan as páxinas centradas nas actuacións do Tribunal de Orden Público ou no labor que levaba a cabo a Brigada Político Social, por só citar dous exemplos.

       Nesta atmosfera Miguel terá que esconxurar os seus medos, evocándose a posteriori coa pretensión de redimirse, acudindo á memoria porque sen ela, afirma, “non somos ninguén”. Non podo estar máis de acordo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas“, de La Voz de Galicia, o 4 de xullo de 2014 baixo o título de “Fascinante conquista dos espazos”. Por cuestións de espazo non puiden recomendar a visita ao traballado blog que o autor foi creando ao fío deste libro nas últimas semanas: moi recomendable!

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: