Filgueira 17-M

Non oculto a miña decepción pola escolla dun candidato como Filgueira Valverde para festexar as Letras Galegas como a que onte acordou a RAG, nunha polémica decisión na que non resulta difícil ler unha preocupante perda de conexión cos intereses e iniciativas de boa parte da sociedade civil galega máis activa na defensa e promoción da nosa cultura, da nosa lingua e literatura. Asemade, tampouco non é difícil albiscar os condicionantes políticos que esta decisión carrexou e que poden agrandar a creba entre a institución a súa presenza e proxección na sociedade galega.

     Persoalmente tiña outras preferencias que suporían, nun momento clave como no que vivimos, unha aldrabada precisa en moitas portas, entre elas aquela que todos os anos se instala no ámbito do ensino e que tan ben faría prestar atención a outras producións literarias máis plurais, heteroxéneas e contemporáneas.

     Dito isto tampouco sería honesto ocultar, no que se refire á miña formación particular, a importancia que sempre lle outorguei á serie “Adral”, aos  estudos medievalísticos do autor ou mesmo á recuperación recente desa antoloxía poética galega que Filgueira preparou nos tempos da República. Todas esas páxinas son océanos de saber, do saber de nós, onde se pode navegar sempre con erudición e seguridade.

     Particularmente quedo, para estas Letras 2015, co que Filgueira nos pode ensinar aínda nestes libros, que é moito;  tamén co que nos poden ensinar e o que podemos aprender deses capítulos máis conflitivos e dolorosos que protagonizou na nosa historia máis recente. Un profesor meu de latín dicía en ocasións que “Ad augusta per angusta”, isto é, “a resultados grandes por vías estreitas”, talvez tiña razón.

1 Comment

Os comentarios están pechados.