Estamos no verán!!! (ilustracións Iván R.)
Galaxia, col. sonárbore, 60 páxinas, 20 €
Hai xa algún tempo que non pasa por este blog libro ningún que poida ser especialmente acaído tanto para estas datas como para esa franxa de idade que tamén cómpre alimentar literaria e musicalmente.
Unha das propostas máis recentes é esta “novela-disco” editada por Galaxia baixo o título de Estamos no verán!!! , que subscriben Charo Pita na vertente literaria e na musical un traballo espléndido baixo a responsabilidade de Xoán Curiel, cuxo traballo atesoura unha ricaz versatilidade de ritmos como o rock, blues, funky ou a bossa nova, entre outros.
O relato de Pita, que convive en feliz encontro coas acaídas ilustracións de Iván R., abéirase ao xénero do diario, inspirado no período vacacional e redactado por un neno a través de quen se vai espellando, nun ton inequivocamente optimista, o que ocorre desde os derradeiros días de curso até as perspectivas que se albiscan para ese par de meses de vacacións onde non é menor o interese depositado tanto nas relacións persoais (amizades, familia…) como nas iniciativas que, creativamente, propón levar a cabo no propio mundo da música. Convido a coñecer a iniciativa!