“Romaría das Letras”

Coñezo, por senllas plataformas informativas dixitais, o gromo da iniciativa que hoxe se presentou baixo o nome de “Romaría das Letras” e que subscribe inicialmente un colectivo conformado por Alfredo Ferreiro, Filipe Diez, Ramiro Torres e Tati Mancebo. Tal e como onte saudaba a proposta d´A Sega, a que hoxe se fai pública paréceme igualmente suxestiva, interesante e novidosa.

     Recomendo a lectura das bases do proxecto e extraio abaixo un pequeno fragmento que resume a súa filosofía:

A esencia da proposta é simple: entender as Letras Galegas como unha oportunidade para festexar reivindicando e para reivindicar dun modo festivo a lingua, a cultura, o patrimonio e as artes do noso país. Sen pretender nin suplantar nin ir contra ningún outro xeito de celebrar, senón simplemente facendo as cousas desde a sociedade civil, non contra pero si á marxe das institucións políticas e culturais, chegando onde elas non poden nin desexan chegar e mobilizando para a causa da lingua un inmenso caudal de enerxías que hoxe non atopan cauces para se expresaren e promovendo unha festa en que caiba toda a xente, sen necesidade de para iso ter que adherir a unha determinada concepción ideolóxica, estética, ortográfica ou de calquera outra índole.