Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Entrada ao xardín do saber, de Henrique Dacosta

Henrique Dacosta

Entrada ao xardín do saber

Redelibros, Vigo, 347 páxinas, 18,50 €

 

TRAS ALGÚNS ANOS SEN PUBLICAR O ESCRITOR FERROLÁN HENRIQUE DACOSTA RETORNA Á NARRATIVA CUNHA NOVELA ONDE A FICCIÓN POSIBILITA ASOMARNOS A UN ARGUMENTO PROTAGONIZADO POR SENLLAS PERSONAXES HISTÓRICAS: VICENTE RISCO E HILDEGART RODRÍGUEZ CARBALLEIRA, PRECOZ LÍDER FEMINISTA E SOCIALISTA, ASASINADA CON SÓ DEZAOITO ANOS

Testemuña Henrique Dacosta, con esta que é a súa cuarta novela, como a ficción permite reactivar capítulos da historia de inexcusable interese. Faino  a través da visita que cursa tanto a Hildegart Rodríguez Carballeira, xustamente cando se cumpren cen anos do seu nacemento, como a  Vicente Risco, perfilado nun tempo no que, en plena madurez e resultándolle necesario axotar certos fantasmas persoais, sente medrar un interese súpeto na figura de Ildegart, muller de fondas conviccións socialistas e feministas, mais sobre todo da súa nai Aurora Rodríguez, defensora a ultranza das teorías euxenéticas e representante de certo mesianismo, a quen é posible que tratase nos anos madrileños de formación académica.

         Os tempos da República, levados polos fíos de Aurora e da súa filla, e os da posguerra, da man do ourensán, conflúen aínda cun vector contemporáneo, protagonizado por Henrique de Sas: un xornalista á caza dun tema de interese para a revista na que traballa e que establece unha dinámica de investigación en parte parella á que efectuou Risco anos atrás. As tres épocas retrátanse con fidelidade mercé aos apoios que o argumento atopa en forma de entrevistas, diarios, novelas inacabadas e documentación de toda orde, a carón da presenza personaxes que foron de carne e óso como Fernández del Riego, o músico Pepito Arriola, o pintor Prego ou Ferro Couselo, entre outros.

         Unha proposta densa, poliédrica e ben solventada. Ficción, ao cabo, que atesoura o mérito de botar unha ollada atrás, transparente e lúcida, operativa para revelar claves dun pasado que non está de máis lembrar.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas“, de La Voz de Galicia, o 11 de xullo de 2014, baixo o título de “Hildegart e Vicente Risco man a man“.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: