Manual do bo paseante, de Raimon Juventeny

Raimon Juventeny

Manual do bo paseante (traducción de Xosé Ballesteros)

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 2014, 48 páxinas, 12 €

Son ben coñecidos os esteos,  nada novos por outra parte, do denominado <<movemento slow>>.  Ao fío desta filosofía, e xustamente prologado por Carl Honoré, un dos máximos teóricos do movemento e autor do libro Eloxio da lentitude, Faktoría K, en colaboración coas editoriais Paimiela etxea e Pol·len Edicions, nunha edición por outra parte que abraza un envexable tratamento ecolóxico, aparece agora Manual do bo paseante, subtitulado “Descrición en vinte puntos”, do escritor catalán Raimon Juventeny.

    Nel esencialízase, cun tratamento visual acaído, unha panorámica do devandito movemento aplicado a algo tan próximo e familiar como é o paseo, operativa tanto para recuperar ese pracer no caso que se teña perdido como para convencer, a quen non o practica, dos seus inestimables beneficios.

      Unha proposta articulada en vinte secuencias que ofrece unha sinxela terapia para combater présas e urxencias, se cadra para ver as cousas dun xeito diferente, e ofrecida nun soporte ben atractivo para todas as idades. Parabéns pola iniciativa.