O “Papiro erótico de Turín”

A través de Open Culture coñezo, e difundo aquí, o denominado “Papiro erótico de Turín” (o orixinal na parte superior do apuntamento, abaixo a súa reconstrución) que é a representación máis antiga coñecida do sexo neste soporte. A historia do papiro, da súa descuberta e interpretación pódese seguir no vídeo que incorporo abaixo.

    Procede por volta do ano 1150 a. C. e denomínase así por se descubrir no Museo Exipcio de Turín arredor do ano 1820 aínda que só se deu a coñecer na década dos anos setenta do século pasado. Consta de dúas partes: no lado dereito do papiro os animais realizan diversas tarefas humanas (aparecen músicos, soldados e artesáns) quizais cunha intención satírica. No lado esquerdo  amósanse en doce escenas -con algunhas inscricións nalgúns casos- as formas na que a cultura gráfica se deleitou cunha sexualidade ritual estilizada. Un elemento moi relevante na devandita cultura pois a proba de que os antigos exipcios agardaban ter relacións sexuais logo da morte é a descuberta de órganos fabricados ex profeso nas súas momias.