Dous grandes, honrados: Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo

Dous grandes, honrados, e moi xustamente. Chegan a min, e dou as grazas ás mans intermediarias, dúas publicacións que deixan testemuño escrito -iso sempre é importante- de senllos recoñecementos tributados, hai poucas datas, a Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo:  dous alicerces fundamentais da nosa escrita contemporánea, unidos polos fíos da amizade, por un común compromiso coa lingua galega e por unha brillante traxectoria literaria sen cuxo concurso o panorama literario de hoxe sería ben diferente.

         A homenaxe rendida ao primeiro centrouse na concesión do Premio Trasalba 2014 e espellouse nunha publicación titulada Agustín Fernández Paz. Na Casa da Esperanza, coeditada pola Xunta de Galicia e a Fundación Otero Pedrayo. Esta ábrese cunha laudatio a cargo do escritor, editor e Presidente da Gálix, Francisco Castro, centrada como é natural nunha completa e apaixonada exaltación da figura do homenaxeado, glosando o seu currículo e a súa biografía (pódese consultar premendo aquí) e da que extraio tan só dúas sentenzas: “nunca esquivou as batallas”, “fiel á memoria, á súa, á dos devanceiros”. O libro integra asemade dous textos de lectura ou relectura obrigada do escritor vilalbés sobre a lingua e a literatura de noso alén dun amplo fondo fotográfico documental e fotográfico na sección “Andar camiño”. Complétase a publicación coa sección “Cartas dos amigos” con textos ditados polo agarimo e que reparan en aspectos, en ocasións,  pouco ou nada difundidos sobre a personalidade e obra de Fernández Paz.

     Pola súa parte, Pedra e tempo, con cuberta e Xosé Cobas e fotografías de Daniel Puente Bello, correspóndese co agasallo que Xabier P. DoCampo dispuxo na entrega do recoñecemento “O escritor na súa Terra. Letra E“, tributado pola AELG en Castro de Ribeiras de Lea hai escasas datas e onde foi, xustamente, Fernández Paz o responsable dunha laudatio que recomendo ler.  Nel, alén do evocador poema insculpido no monólito que lembra a homenaxe, no que se fala da alma da lingua, engádese un relato, ou conxunto de relatos dotados de estrutura circular, ben representativos da escrita do autor d´O país adormentado. Contos que agroman nunha cerdeira e que, como cereixas enguedelladas polo rabo, son quen de levarnos aquí e acolá, saciando a sede de misterio en moitos casos, onde o marabilloso,  o humor e o cotián se dan a man, mesmo alí onde as aparencias poden volver enganar.

     Parabéns, reiterados, aos dous autores. Beizóns tamén por estas dúas publicacións que son testemuño de honras ben merecidas.