“A dúbida” de María Reimóndez. Premio Novela por Entregas “La Voz de Galicia” na XIV edición

Foi un pracer participar onte, na calidade de xurado, nas deliberacións do galardón a carón de Francisco Armesto, César Casal, Luís Pousa, César Casal, Xesús Fraga, Héctor Porto, Beatriz Pallas, Marta Otero e Ana Abelenda. Tras as valoracións particulares acordamos  outorgar a XIV edición do Premio Novela por Entregas ao orixinal titulado “A dúbida” e que correspondeu á escritora María Reimóndez.

     A novela, adaptada con excelencia ao ritmo que o formato esixe, aborda cuestións escasamente tratadas na literatura galega contemporánea como os abusos sexuais a menores nunha trama, como se sinalou na acta do xurado, que non dá as costas a cuestións de actualidade como a corrupción política e onde resulta salientable a profundidade coa que se trata o conflito psicolóxico ao que se ve sometida unha personaxe que simboliza, xustamente, esa “dúbida” que preside a novela e tamén enchoupa toda a narración ata a súa resolución. Escrita con pulsión, axilidade e un coidado rexistro lingüístico estou certo que ha ser unha lectura suxestiva nas páxinas do xornal ao longo do mes de agosto e, se se dá o caso, na súa publicación como libro independente. Unha novela que se vén engadir, no seu currículo persoal,  ao recente éxito colleitado pola autora coa consecución do Premio Xerais hai pouco máis de un mes.

      Como tamén se fixo público na rede os meus parabéns para as outras dúas autoras finalistas -María López Sández e Obdulia Dopico Cachán- por senllas novelas de alta calidade literaria e merecedoras, igualmente, de publicación baixo o meu punto de vista.

       Un feliz serán e mais unha feliz noite, compartida esta última con Xulia Santiso, Manuel Arenas, Carlos Carballo, Laura Rodríguez, María Canosa, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luís G. Tosar e Pilar Rodríguez Álvarez,  e co resto de amigas e amigos que asistiron a este acto literario (foto superior de V. Mejuto-La Voz de Galicia, con María Reimóndez e Víctor F. Freixanes).