Raros e curiosos, de Carlos López

Carlos López

Raros e curiosos

Edicións Embora, Ferrol, 2014, 112 páxinas, 15 €

 

CARLOS LÓPEZ, GUIONISTA DO DÚO DE HUMOR GRÁFICO PINTO & CHINTO, DESEÑA UN UNIVERSO QUE AFONDA, A TRAVÉS DUN FEIXE DE CUMPRIDOS RELATOS, NO QUE HAI MÁIS ALÁ DO CONSIDERADO NORMAL E FAINO DE MANEIRA QUE RESULTA IMPOSIBLE LELOS SEN DEBUXAR UN SORRISO NA BOCA

Carlos López, alén doutros libros de autoría compartida, deixounos até o de agora tres pezas narrativas (Minimaladas, A peripecia de Roi e mais Contos para nenos que dormen deseguida) dirixidas en primeira instancia a un lectorado xuvenil mais que resultaron, ao meu xuízo, ben acaídas para outras franxas de idade, percorrendo con convicción ese camiño nada doado que fai confluír, e con  efectividade, humor e  literatura.

      Raros e curiosos,  neste sentido, supón unha relativa mudanza coas anteriores achegas pois dirixe a ollada a un lector adulto e opta por ofrecer un discurso que, desde as instancias dunha voz que é a dun cronista alleo aos feitos relatados, mais ao tempo extraordinariamente informado, porfía en amosarse como rigoroso e obxectivo nas descricións e nos sucedidos que relata, acoirazado detrás dun rexistro expresivo un chisco arcaizante que procura a tensión e o distanciamento precisos para os casos e peripecias narradas. Moitas destas lévanse da man dun conxunto de personaxes singulares e fantásticos, no sentido máis literal do termo, que salientan polas peculiares obsesións, senlleiras ocupacións profesionais e inesperados intereses vitais que exhíben.

        A enxurrada imaxinativa que se deita nestas páxinas, de mans dadas co humor que nalgunhas ocasións se modula felizmente en aberta gargallada, resulta inequivocamente un dos seus grandes méritos. A estes cómpre engadir que se trata de relatos escritos con enxeño e precisión de ourive, insuflando aire fresco nun modelo narrativo no que Carlos López se desvela, ou máis ben se confirma,  como magnífico cultivador.  

 

Esta recensión publicouse no suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 18 de xullo de 2014, baixo o título de “Eses seres extravagantes”.