Espiral de sombras, de Xavier Seoane

Xavier Seoane

Espiral de sombras

Kalandraka Editora, colec. Tambo, Pontevedra, 2013, 152 páxinas, 13 €

 

Decátome, cando lin xa  A dama da noite (Laiovento), un libro magnífico ao abeiro dun xénero difícil como é o da biografía-ficción e do que falarei proximamente,  que hai ben de tempo visitara, da man do mesmo autor, Espiral de sombras e que diversas razóns conxunturais non me me permitiron pronunciarme sobre el. Fóra, talvez, do tempo no que debería facelo, non quixera deixar pasar a oportunidade sen saudar o devandito poemario de Xavier Seoane, e fágoo coa convicción de que este foi un moi suxestivo libro de poemas entre os que puiden ler o ano pasado.

      Espiral de sombras, ao meu ver, articúlase como un compendio lírico que atesoura moitas das claves que, ao longo de anos, Seoane foi dando a coñecer en anteriores propostas. Composto, á súa vez, por tres libros, nel xorde -quer adoptando un ton elexíaco quer modulando as composicións cun saibo e ritmo de xorne popular, por veces mesmo neotrobadoresco- un canto convulsivo e intenso ás consecuencias da destrución, ao que xa se transformou noutra cousa, un “ubi sunt” teimoso e recorrente,  mais que tamén prende unha luz ao que o poder salvífico da memoria é mentres a conservemos, isto é, unha loita contra a propia desmemoria que quere borrar os propios mitos e soños onde o atlantismo ocupa un lugar non menor.

       É ese humus nutricio, ese ronsel do pasado proxectado cara ao presente, o que fecunda versos nos que non se  agocha un ton apocalíptico onde a voz lírica adopta un rol de cronista daquilo que vén de atrás -“Esa nube fun eu, esa memoria. / Ese ronsel perdido no solpor”- que testemuña e advirte, diáfanamente, dos estigmas e  sabotaxes que a Historia nos deixou. Todas aquí, por xunto, para quen queira coñecelas; tamén a esperanza.