Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández

Miguel Anxo Fernández

O espido de Gina

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 196 páxinas, 16 €

 

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ DESEÑA, CON TRANSPARENCIA,  AS TENSIÓNS ÁS QUE SE SOMETE UNHA VILA GALEGA A MEDIADOS DOS ANOS SESENTA DO PASADO SÉCULO. TODO MERCÉ ÁS REVIRAVOLTAS QUE PROTAGONIZAN UN MEMBRO DO PODER ECLESIÁSTICO MÁIS DOGMÁTICO, O DONO DUN CAFÉ E O PROPIETARIO DUN CINE: O “CENTRAL”

Suscitoume moito interese esta novela de Miguel Anxo Fernández e o certo é que o resultado non defrauda en absoluto. Hai nela algo máis que unha homenaxe pois permite explicar o mundo a través dos ecos de “Cinema Paradiso”, “Amarcord” ou “Splendor”, isto é, artellando unha visión emocionada respecto da presenza do cine nas nosas vidas ou, se cadra, a como se entendía o cine noutro tempo.

       Ninguén mellor, talvez, que o autor para nos involucrar con garantías neste universo, pois nestas páxinas,  a carón dos espazos da Igrexa do lugar e do “Café Moderno”, e de quen os poboan, é sobre todo no cine “Central” e na proxección de películas, onde se erixía unha das escasas posibilidades de evasión nuns tempos escuros e grises onde o poder da Igrexa tiña escasos límites. Ademais, O espido de Gina entronca con pericia con Capitol, última sesión do mesmo autor, trazando unha liña de continuidade moi digna con outros libros como Ilustrísima, de C. Casares ou O acomodador…, de Marcial Súarez, ao que hai que engadir na súa xestación, paréceme, moito de memoria persoal.

            Non resulta allea á efectividade da novela a escolla dunha perspectiva que se traduce nunha voz que relata os acontecementos de xeito obxectivo sen abandonar, cando cómpre, o emprego dun rexistro irónico que resulta ben de agradecer e que parece inspirado en “Bienvenido, Mr. Marshall”;  voz que conta cos resortes precisos para contar claro e ben, de rexa forza descritiva cando é preciso e accedendo aos recursos propios da oralidade con enxeño e agudeza,  como ben se espella en personaxes deseñados con solvencia e verosimilitude. Ficción da mellor con moito, moito cine para este verán.

Esta recensión, baixo o título de “Máis cine, por favor (na literatura)”, publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 25 de xullo de 2014.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: