Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Catro (mínimas) recomendacións: Pavón, Queipo, Tembrás e Méndez

 

Agora que se van actualizando os contidos do blogue con publicacións que viron a luz este verán, o 25 de xullo publicábanse no suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia catro brevísimas recomendacións en función de ofrecer propostas que recalasen en diversos xéneros: narrativa, poesía e ensaio. Recupéroas aquí.

 

 

“FÁBULA VAMPÍRICA”

 SANGUE 12

NOVELA * Cris Pavón * Alcaián * 204 páxinas * 12 euros

 

Cris Pavón tras publicar a súa primeira novela na rede  (Limiar de conciencia) e esgotar esa edición opta agora polo papel para o que se anuncia como unha “fábula vampírica”, situada a medio camiño entre o real e o fantástico, co asunto da identidade e das escollas na adolescencia como pano de fondo. Unha novela ateigada de voces femininas e con fondas raizames literarias.

“POLIFONÍAS”

 55

RELATOS * Xavier Queipo * Xerais * 320 páxinas * 20 euros

 

O autor cumpre 55 anos e neste libro xunta outros tantos relatos que, dalgún xeito, resultan un espello ou compilación do camiño creativo andado ata agora. Velaquí un longo percorrido de vida e literatura marcado pola polifonía temática e a variedade de rexistros empregados, sen esquecer a indisimulada querenza que se exhíbe pola experimentación narrativa.

“ESTORDEGAR A SEMÁNTICA DAS PALABRAS”

 CRONOLOXÍA DA URXENCIA

POESÍA * Dores Tembrás * Espiral Maior * 88 páxinas * 12 euros

 

Premio de poesía “Concello de Carral” este libro esculca no concepto do desexo e no silencio, máis que no da memoria, que tamén está e que era axial n´O pouso do fume. Agora estordega ata o máximo a semántica das palabras para camiñar no gume da suxestión e da sobriedade expresiva, á procura dun discurso vigoroso, absolutamente rotundo e inquietante.

“MÁIS ALÁ DA CIENCIA TOPONÍMICA”

 TOPONIMIA DE RAMIRÁS

ENSAIO *  Carlos Méndez Míguez *  Toxosoutos *  236 páxinas * 17 euros

 

Os topónimos son operativos para difundir non só a historia dun lugar senón outras realidades como a que atinxe á xeografía ou aquela que determina cando e quen poboaron determinados espazos. Isto faise con éxito inequívoco neste ben documentado libro, prologado por Xosé L. Méndez Ferrín, que abre moitas portas ao saber, a coñecer porque nacen as palabras.

Advertisements

Un comentario en “Catro (mínimas) recomendacións: Pavón, Queipo, Tembrás e Méndez

  1. Pingback: Sangue 12 no suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia | deContado

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: