Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A dama da noite, de Xavier Seoane

XAVIER SEOANE, TRAS ANOS DE TRABALLO, OFRECE UNHA NOVELA SORPRENDENTE ONDE NON SE OCULTA O COIDADO DE OURIVE QUE NELA DEPOSITOU: VELAQUÍ UNHA PROPOSTA NARRATIVA DOCUMENTADA E RELEVANTE POR INUSUAL: A PRIMEIRA BIOGRAFÍA FICCIONAL DE ROSALÍA DE CASTRO

 

 A dama da noite

NOVELA *  Xavier Seoane * Laiovento *  158 páxinas * 15 euros

 

 

Sospeito que as causas do meu interese por este libro son subxectivas e entre elas non ocupa un lugar secundario nin a miña querenza polo xénero biográfico, mesmo cando este se peneira pola ficción, nin a inexcusable excelencia na que está escrita.

       A dama da noite, a meu entender, atesoura un requintado e afouto traballo narrativo que conxecturo, como as obras de longo percorrido, ha suscitar detractores e defensores. Sitúome entre estes últimos pois talvez neste momento a novela de Seoane constitúa, á marxe de achegas aínda parciais e á espera dunha biografía rosaliana ampla, documentada e global que tantas persoas levamos agardando sendo conscientes da súa complexa elaboración, unha moi operativa posibilidade para achegarse xa non só aos socalcos vitais máis relevantes de Rosalía e ao seu ámbito privado e familiar, senón ás liñas máis substanciais do seu pensamento e, por extensión, ao tempo que lle tocou vivir.

            Seoane constrúe un texto inspirado onde entendo a presenza dun narrador “demiúrxico e onminisciente” como ferramenta efectiva para, como se confesa, “outorgar certa aparencia de verdade ás ficcións do imaxinario”. En efecto, mais non só, pois ao deseño psicolóxico do personaxe, da persoa, contribúe tamén a integración meditada de recursos como cartas, voces que xulgan ou opinan, diálogos sostidos con Murguía ou a filla Alexandra, confesións das experiencias e os conflitos máis íntimos ou a práctica da creación literaria, alén da asunción das dificultades que tivo que arrostrar pola súa condición de muller. Deséxolle moita sorte a este libro, que se lea, que se fale del: sería un bo sinal.

Esta recensión publicouse o 1 de agosto de 2014 nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: