UNHA NOVELA QUE BIOGRAFA, DESDE A FICCIÓN, A SORTE DUN SINDICALISTA E OBREIRO ANARQUISTA NOS PRIMEIROS DÍAS DA GUERRA CIVIL, CONVERTÉNDOSE NUNHA REFLEXIÓN SOBRE A VIOLENCIA EXERCIDA CON IMPUNIDADE EN TEMPOS CONVULSOS
A MALETA DE VICTORIA KENT
NOVELA * Xerardo AgraFoxo * Galaxia * 432 páxinas * 23 euros
Hai libros que convidan á súa lectura por razóns ben diversas: algúns pola traxectoria de quen o escribe, outros pola temática ou xénero, se cadra aqueloutros polo título ou mesmo o suxestivo da súa cuberta. Todas estas as razóns conflúen neste A maleta de Victoria Kent de Xerardo AgraFoxo.
A proposta, densa e moi documentada, sitúase nos albores do comezo da guerra civil cun obreiro anarquista chamado Liberto que, diante do cariz que adquiren os acontecementos, decide sumarse á columna de mineiros que se desprazan, desde esa vila facilmente identificable con Noia como é Portomaior, a Compostela e A Coruña coa intención de deter o golpe militar con entusiasmo libertario. Tras o fracaso desta acción verase envolto nunha implacable persecución que quere ser exemplarizante, priorizando salvar a súa vida e defender a dos seus.
Articulada como unha biografía ficcional dos acontecementos que, en parte, é de supor que ocorreron tal e como a voz narrativa os retrata e cunha dinámica narrativa que dosifica acaidamente a tensión, AgraFoxo insiste no deseño dos perfís psicolóxicos e máis humanos da galería de personaxes que aquí presenta como Serrabal, os irmáns Gasset, don Marcelino, o xuíz Balboa…, todos arrastrando canda si historias de seu que se configuran con solvencia e, sobre todo, con verosimilitude.
Non é menor o valor que a novela encerra cando bosquexa con transparencia a atmosfera de medo que se abateu naqueles días; tampouco o é o de ofrecer unha reflexión sobre os conceptos da derrota, da traizón e da solidariedade, verbo da cobiza de poder e, sen dúbida, arredor da violencia exercida con impunidade.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 8 de agosto de 2014, baixo o título de “O lume da carraxe”.