Onte resultou un espectáculo bochornoso escoitar xustificar o inxustificable a quen é hoxe alcalde da cidade de Vigo, sobre todo nunha entrevista na que, practicando a estratexia do caracol, exhibiu un discurso pragado de falsidades argumentais de mans dadas coa prepotencia á que nos ten acostumados.
Pretender seguir litigando con diñeiro público para manter un símbolo fascista na cidade de Vigo -porque o é e recomendo ao respecto a lectura do atinado artigo de Manuel Bragado sobre a cuestión- resulta un disparate e un insulto á cidadanía e evidencia un proceso de protagonismo e personalismo na vida cotiá da cidade que acada límites insospeitados. A súa obriga sería converter o espazo nun lugar que propiciase preservar a memoria republicana e democrática, honrando ás vítimas da represión e nunca recorrer unha sentenza xudicial como a que se ditou favorablemente a prol do recurso presentado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36. As probas, entre outras, do que a Cruz dos Caídos representa e da súa significación repousa nas hemerotecas (neste apuntamento recollo dous exemplos tirados de El Pueblo Gallego, vía Galiciana).